XUNTA DE GOBERNO

O Concello iniciará a finais de novembro a demolición da Casa da Xuventude

03/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno do proxecto de demolición da Casa da Xuventude situada na praza do Matadoiro, cun orzamento de execución de 165.076 euros. O procedemento de contratación iniciarase a vindeira semana e as obras demolición comezarán a finais do mes de novembro. Este derrubo será completado coa reurbanización da parcela, aspecto no que xa están traballando os servizos municipais.

Segundo indicou o alcalde, este proxecto, que servirá de base para contratar os traballos, inclúe as medicións, planos e condicións necesarias para a demolición e xestión dos residuos xerados, de forma eficiente e sostible e con condicións axeitadas de seguridade para traballadores, veciños e peóns, ademais de non poñer en risco o estado das edificacións lindeiras.

"Farase tamén un control e seguimento arqueolóxico das obras de demolición, especialmente no relativo a demolición das cimentacións, retirada previa das contencións existentes e desmontes asociados e na execución de determinados muros", explicou.

Lembrou o alcalde que o derrubo da Casa da Xuventude, na praza do Matadoiro, foi acordado por unanimidade da Corporación Municipal en novembro de 2011, para recuperar o aspecto da praza, favorecendo o acceso ao parque de Belvís e a súa integración no núcleo histórico. "Con este paso –engadiu- poderemos iniciar o proceso de contratación a semana que vén, co fin de que as obras estean en marcha a finais do mes de novembro deste ano".

O proxecto de demolición aprobado será completado por un proxecto de reurbanización da parcela, tarefa na que xa están a traballar os servizos municipais de Urbanismo.

Remate dos traballos no parque empresarial da Sionlla
Seguindo con materias urbanísticas, a Xunta de Goberno autorizou á empresa pública Xestur o remate dos traballos de urbanización do parque empresarial da Sionlla, dentro de terreos públicos municipais, coa condición de que se resolvan no momento da execución algúns aspectos para poder proceder á recepción definitiva.

Ao respecto destas condicións, o alcalde explicou que o Concello fixáraas cando asinou a acta de recepción o 21 de novembro de 2012 en relación con algunhas melloras no remate das obras. Conforme a aquel compromiso, Xestur propón agora o remate das obras, que afectan, por un lado, a unha variación da rede de conexión de abastecemento dende o norte, baixo a N-550, para garantir maior dotación de auga ao futuro subministro.

Tamén se prevén actuacións de seguridade viaria para peóns e vehículos no contorno da conexión cunha pista de concentración parcelaria, así como a substitución de canos paralelos para o paso subterráneo de augas de regatos por un caixón completo de formigón prefabricado. Soterrarase a liña eléctrica (no tramo previsto para a traza do enlace orbital) e a súa conexión coa subestación prevista, e construirase un peche perimetral para o pozo de bombeo da Sionlla.

"O Concello de Santiago condiciona a súa autorización e recepción definitiva a que se resolvan con eficacia e racionalidade no proceso de execución diversos aspectos puntuais relacionados coa seguridade viaria, integración paisaxística e mantemento de zonas verdes", indicou Agustín Hérnandez.

En relación a esta superficie empresarial da Sionlla, o alcalde aproveitou a rolda de prensa tras a Xunta de Goberno para recordar que, esta mesma semana, a Xunta de Galicia anunciaba a venda de dúas novas parcelas cunha superficie de 6.139 metros cadrados.

A superficie vendida a día de hoxe aproxímase aos 70.000 metros cadrados, repartidas nas 21 parcelas adquiridas por 15 empresas. A iso engádenselle os 215.444 metros cadrados adxudicados a proxectos singulares, facendo un total de máis de 285.000 metros cadrados.

"Existen boas expectativas de vendas se temos en conta que, segundo asegura a propia Xunta, este parque é o que máis consultas provoca de todos os existentes na provincia da Coruña", apuntou o rexedor municipal.

Ampliación da iluminación en Ponte Pereda
Ademais, o Goberno local aprobou o orzamento necesario para a ampliación da iluminación pública no parque de Ponte Pereda, na rúa Antolín Faraldo, nas proximidades da glorieta de Conxo. A actuación ten un custo de 9.476 euros e será financiada con cargo ao contrato de xestión do servizo de alumeado público.

Instalaranse cinco novas luminarias, coas súas correspondentes bases de formigón e con columnas cilíndricas iguais ás existentes na zona.

Documentos relacionados



Compartir: