CULTURA

O Festival d’Gorra entra na súa recta final

24/08/2006 O Festival d’Gorra entra nos seus últimos tres días e faino cunha nova xornada chea de acrobacias e humor. O público segue a responder á chamada dos artistas do circo e participa activamente nestes eventos que están a levar o espectáculo circense ás rúas do casco antigo compostelán.

A xornada do venres comeza coa volta de Roi o Cagabolas, tralas súas aparicións na primeira semana. Na Quintana, ás 17:30 horas, mesturaranse de novo as técnicas circenses, a maxia, o humor e as coreografías musicais. Media hora despois volve actuar, esta vez no Toural, Ciganí, que representa "Sen papers", una combinación de música e clown.

Ás 18:30 horas, en Praterías, despídese do Festival Malabaranda. Esta compañía, referencia no Novo Circo Galego, reúnese de novo para facer gozar ao público cos seus números de humor e malabares. A continuación, segundo pase de Casi que si, que traen "A volta ao cole", unha investigación de novos elementos circenses, humor visual, xestual, acrobático e estúpido. Dous adultos baixiños no seu primeiro día de clase.

A penúltima actuación do día corresponde a Capuzzi, que estará no Toural a partir das 20:00 horas. "Disco Delivery" é o seu espectáculo, con malabares e humor nunha viaxe ao corazón da música disco. E para rematar a xornada, ultimo pase de Manic Freak. Na Quintana representará "Pequeno Pallaso", unha exhibición que mestura malabares, acrobacia e equilibrismo.

Ademais de todo isto, haberá unha nova entrega dos Espazos aéreos na Alameda. Acrobacias aéreas de diverso tipo a cargo das compañías Almacabra, Teatro Deluxe e Duelirium. Tamén na Alameda, continúa na carpa O retrete de Dorian Grey, cunha invitación a converterse en miróns dun mundo surrealista.

Documentos relacionados



Compartir: