ALCALDÍA

Agustín Hernández agradece á Policía Nacional a súa contribución a facer de Santiago unha cidade segura

02/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, clausurou no Auditorio de Galicia os actos con motivo da festividade dos Santos Anxos Custodios, patrón do Corpo Nacional de Policía. Previamente, os concelleiros de Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, e de Réxime Interior, Manuel Martínez, asistiran ao acto litúrxico celebrado na Catedral.

Agustín Hernández dirixiuse aos integrantes do Corpo Nacional de Policía resaltando "o seu labor, complexo e sacrificado". Así, apuntou que "a vida cotiá dunha cidade ten moito que ver coa tarefa calada e preventiva da Policía" e que "a inmensa maioría da poboación confía e séntese segura coa súa presenza".

Afirmou que esta presenza debe manterse de forma eficaz con "fórmulas de colaboración e de coordinación que impliquen una maior eficacia a prol do ben común". Nese sentido, expresou a súa satisfacción ao constatar que "a Policía Nacional e a Policía Local manteñen unhas boas relacións de cooperación e de coordinación". Por iso, animou a ambos corpos a "incidir aínda máis se cabe na referida cooperación e coordinación, e a que incidan aínda máis se cabe no intercambio de información sobre as necesidades de seguridade que se poidan suscitar no día a día da cidade".

Agustín Hernández insistiu en agradecerlle á Policía Nacional "a súa contribución a facer de Santiago unha cidade segura, e a facer posible unha convivencia exemplar, no complexo marco dun centro de atracción turística mundial e nun lugar no que é modélico o frecuente exercicio democrático de liberdades individuais e colectivas".

Finalmente, o alcalde felicitou a todos os distinguidos e, dunha forma especial, a "todas as persoas relacionadas co operativo realizado por mor do accidente ferroviario de Angrois, e a todos aqueles que, aínda sen ter un recoñecemento explícito, co seu traballo diario dignifican a súa profesión e converten a súa traxectoria nunha guía para os demais".

Compartir: