ALCALDÍA

O alcalde recibiu un grupo de alumnos dominicanos do Máster en Deseño Arquitectónico da Universidade da Coruña

02/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu no salón nobre de Raxoi a profesores e alumnos do Máster en Deseño Arquitectónico que a Universidade da Coruña imparte na República Dominicana en colaboración coa Universidade Pontificia deste país.

Agustín Hernández deulles a benvida aos participantes no Máster e lembrou os lazos históricos e culturais entre Galicia e España coa República Dominicana. En particular, referiuse á pertenza dos presentes á unha Universidade Pontificia asentada en Santiago de los Caballeros, a primeira cidade americana bautizada en honor ao Apóstolo. Ademais da simboloxía propia deste feito, dixo, "a cidade dominicana de Santiago ten tamén, como o noso Santiago, un importante centro histórico no que se veu desenvolvendo un plan de rehabilitación".

Outros feitos recordados por Agustín Hernández foron o nomeamento da Universidade Pontificia como Doctor Honoris Causa en 1995 do que fora presidente do Goberno de Galicia, Manuel Fraga; ou a acollida prestada pola República Dominicana a un dos artistas máis representativos de Compostela, o pintor, músico e poeta Eugenio Granell.

Apelando aos motivos de identidade que nos aproximan, o alcalde animou aos presentes a descubrir "os valores históricos e artísticos dunha cidade que é Patrimonio da Humanidade, cun conxunto urbano onde se conxugan valores urbanísticos e paisaxísticos, pero onde se pode apreciar tamén a potencialidade dun centro de turismo de primeiro nivel, con instalacións, servizos e infraestruturas de vangarda, sobre as que descansa unha oferta de calidade para os visitantes".

"Teño a completa seguridade de que poderán apreciar todo o que encerra esta cidade en compañía dos profesores que os acompañan, todos eles recoñecidos especialistas na materia e grandes divulgadores do patrimonio de Galicia e da súa capital", concluíu.

Compartir: