DEPORTES

Directivos e técnicos galegos e portugueses analizan en Santiago o fútbol base

24/08/2006 Santiago de Compostela será a sede do I Congreso Internacional Gallaecia- Fútbol Base, que nesta primeira edición analizará e debaterá diferentes aspectos da práctica deportiva dos mozos e mozas. O acto enmárcase nos actos da Fase Final da Copa Gallaecia, que organizan conxuntamente a Fundación Compostela Deporte e a Federación Galega de Fútbol.

Dous serán os relatorios que se debaterán no Congreso. O primeiro abordará a problemática da práctica deportiva da mocidade des¡nde o inicio da escola ata o fútbol profesional. A segunda ten un carácter máis de xestión e versará sobre a incorporación das novas tecnoloxías ás diversas facetas do fútbol.

No primeiro relatorio, Fernando Louro, coordinador técnico da Asociación de Fútbol de Braga abordará a dificultade que teñen os nenos e os mozos para compaxinar a escola co deporte. Pola súa parte, o adestrador Fernando Vázquez falará sobre o deporte e a alta competición, centrándose nas causas de porqué os deportistas non alcanzan as metas que se propuxeron na súa formación.

Finalmente, disertarase sobre a promoción e o fomento do fútbol feminino entre as mozas, expoñendo os casos prácticos de Portugal e España. Para iso contarase coa presenza de José da Costa, director da Asociación de Fútbol de Braga, e de José Ignacio Quereda, seleccionador español de fútbol feminino.

Novas tecnoloxías aplicadas ao fútbol

O outro relatorio centrarase na arbitraxe, na xestión e na información para a aplicación das novas tecnoloxías ao fútbol. O colexiado internacional Bernardino González Vázquez dará a súa visión sobre a aplicación das novas tecnoloxías á arbitraxe.

No ámbito da xestión haberá dúas demostracións da aplicación das novas tecnoloxías a cargo da Asociación de Fútbol do Porto e da Asociación de Fútbol de Braga. Polo que respecta á información e novas tecnoloxías, haberá unha demostración práctica do seguimento dun evento deportivo. Esta correrá a cargo de Nicolás Navaza, responsable da sección de deportes do Grupo Correo Gallego, e de Pedro de la Iglesia Amaro, do departamento informático do mesmo grupo.

O Congreso espertou o interese de gran número de directivos e técnicos tanto galegos como portugueses. Teñen confirmando a súa asistencia un total de 100 congresistas. O evento terá lugar o sábado26 de agosto, a partir das 18:00 horas, no Hotel Hesperia Peregrino.

Compartir: