DEPORTES

Sendeirismo solidario polas paraxes naturais de Compostela na XIII Camiñada ao Pedroso

01/10/2014 A praza do Obradoiro acollerá este domingo 5 de outubro, ás 10:00 horas, a saída da XIII Camiñada ao Pedroso, organizada polo Club Deportivo Fontiñas. Esta andaina solidaria, cuxa recadación irá integramente a UNICEF, foi presentada en rolda de prensa polo concelleira de Deportes, María José Corral, acompañada por Iñaki Bilbao, presidente da sección de Montaña do club organizador, e Marta Andrade, en representación de UNICEF.

Esta tradicional camiñada a beneficio de UNICEF iniciarase na praza do Obradoiro e percorrerá os parques de Galeras, Finca do Espiño, Auditorio de Galicia e Vite, chegando ata Ponte Mantible, onde se poderá contemplar o antigo acueduto que subministraba auga á cidade. Dende alí seguirase cara Guadalupe e Cima da Eira -lugar no que os participantes poderán observar uns lavadoiros tradicionais- e cara Monte de Deus, coas súas singulares vistas da cidade, do Pedroso e do Val da Mahía. Tocará logo baixar ao Romaño e, por camiños tradicionais, remontar as faldras do Pedroso, finalizando o percorrido na Granxa do Xesto.

Trátase dun paseo doado, duns 9 quilómetros, que os participantes poderán facer nunhas tres horas ou tres horas e media.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 3 de outubro na sede do Comité de Galicia de UNICEF en Carreira do Conde, 2. Ademais, tamén se poderá formalizar a participación o propio día da camiñada na praza do Obradoiro.

O prezo é de 5 euros e os menores de idade deberán acudir acompañados. O 100% dos fondos conseguidos destinarase aos programas de UNICEF

Direcciones relacionadas



Compartir: