ALCALDÍA

O Consello de Comunidades Galegas aborda o papel da emigración no futuro Estatuto e a reforma da Lei da Galeguidade

24/08/2006 O Auditorio de Galicia acolle o 23 e o 24 de agosto o VIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas. Os representantes das 154 entidades do exterior coa galeguidade recoñecida están a debater sobre dous temas que afectan directamente aos galegos e galegas residentes no exterior: o seu papel no novo Estatuto de Autonomía e a reforma da Lei da Galeguidade.

A alcaldesa en funcións, Teresa García-Sabell, interveu no evento e subliñou a importancia que para o emigrante ten "a pertenza ao seu país, á súa terra de orixe, con moita máis forza que o facía cando vivía nela. Adaptándose plenamente ao novo medio, afirma, ao mesmo tempo, a súa propia personalidade e pon de manifesto os valores das súas raíces máis profundas".

"O núcleo que vive fóra do país constitúe unha forza social de gran dinamismo. Cada unha das comunidades galegas é unha forza activa que irradia a presenza de Galicia no mundo, permanecendo fiel á súa personalidade propia" apuntou García-Sabell. En particular, referiuse aos composteláns emigrantes en todo o mundo: "Temos 7.000 residentes no exterior. En América Latina as comunidades máis importantes están en Arxentina, Uruguai e Venezuela. En Europa, en Suíza, Alemaña, Inglaterra e Francia. Pero hainos en moitos máis lugares do mundo".

A alcaldesa en funcións rematou a súa intervención recordando a importancia da integración e da participación da xente nova. Ademais, felicitou ás persoas e entidades premiadas pola súa contribución á galeguidade: o Centro de Betanzos, o Lar Galego de Sevilla e os participantes no I Congreso da Emigración Galega (Bos Aires, 1956).

Asesoramento á Administración

O Consello de Comunidades Galegas é o órgano encargado de asesorar á Administración autonómica aos efectos de cumprir os fins establecidos na Lei de recoñecemento da galeguidade, e reúnese cada tres anos.

Os relatores debaten sobre a conveniencia de adaptar a Lei de Galeguidade, con xa vintetrés anos de vixencia, á realidade actual. En concreto, a proposta do Goberno galego sublima a necesidade de recoñecer os individuos como suxeitos da galeguidade, por ser estes os que transmiten e difunden a lingua, a cultura e as tradicións galegas. Deste xeito, a nova lei non se limitaría a recoñecer como galegos a aqueles cidadáns de orixe galega inscritos no Censo de Residentes Ausentes (CERA), senón tamén a todo cidadán de orixe galega e aos descendentes que poidan acreditar esta orixe e que participen da vida social e cultural de Galicia.

Estas modificacións implicarían tamén unha modificación da composición e do funcionamento do Consello, a institucionalización da relación entre as administracións públicas galegas e o movemento asociativo da Galicia Exterior.

Compartir: