CULTURA

António Zambujo, a voz portuguesa masculina máis internacional do fado, presenta "Quinto" dentro de Sons’14

26/09/2014 A voz portuguesa máis internacional do fado, António Zambujo, presenta en Compostela o seu último traballo, Quinto. Será este sábado 27, a partir das 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, e enmarcado dentro do ciclo Sons’14. As entradas para este concerto poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), así como en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Ademais, o día do concerto tamén se poden mercar no despacho de billetes do Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas. Os prezos son de 12 euros en anticipada e 15 euros o propio día do concerto.

Aos seus 37 anos, António Zambujo converteuse na voz portuguesa masculina máis internacional do fado. Nas súas cancións Zambujo fusiona elementos do jazz, a bossanova, a morna, o chorinho e o cante alentexano co fado creando un estilo único. Dono dunha "voz naturalmente musical’, como dixo o seu agora valedor Caetano Veloso, ninguén queda indiferente ao escoitalo coa súa delicadeza ao cantar, pronunciando con coidado e sentimento cada palabra co seu pausado acento alentexano.

Nótanse en Zambujo unha sinceridade e unha paixón cada vez máis raros nos intérpretes contemporáneos. Nas súas composicións destacan o coidado pola palabra, o bo gusto nas letras e o sabor que ten o portugués na súa voz. Nel, o fado, parece máis verdadeiro. Todo isto marca a diferenza nos seus directos. Trátase indiscutiblemente dunha das máis valiosas xoias que a música portuguesa regalou ao mundo nos últimos anos.

Compartir: