CULTURA

Soul e blues nunha nova xornada de "Feitoamán"

23/08/2006 O Calexón do Curro da Parra e a Praza dos Gatos acollerán, respectivamente, as actuacións do Carmen Rey Quinteto e de Blues Vivo Afrocuncas. Nova cita ás 22:30 horas en "Feitoamán".

O funk e o soul son os eixos arredor dos que xira a música de Carmen Rey, influenciada así mesmo polo jazz, estilo ao que se dedicou durante moitos anos. Stevie Wonder, Earh Wind and Fire, Michael Jackson, Erikah Badu, Ráchelle Ferrell, Kurt Elling e as grandes damas do jazz como Élla Fitzgerald ou Sarah Vaughan son algunas das súas influencias máis directas.

O directo de Carmen Rey engloba as composicións do seu primeiro CD, así como as súas últimas creacións, que formarán parte da súa próxima gravación. Acompáñana nos directos os músicos Sergio Delgado (teclados), Miguel Cabana (batería), Rubén Appratto (baixo) e Tito J. Calviño (guitarra).

O trío de blues postmoderno Afrocuncas aparece por primeira vez a finais de 1998 cando Elías Cassamo, un veterano batería mozambiqueño, chega a Santiago e coñece a Xulián Freire, cantante de blues local graduado na xa desaparecida escola Cuncas Blues Café. Xuntos forman un dúo baseado no cruce de elementos africanos e cunquianos, cunha guitarra eléctrica, unha batería e un micrófono como único soporte técnico. A finais de 2003 únese ao dúo David Prieto e adoptan o nome actual.

Documentos relacionados



Compartir: