TURISMO

Unha delegación de FEAFES Galicia foi recibida en Raxoi tras realizar o Camiño

26/09/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, recibiu en Raxoi unha delegación da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), tras realizar por quinto ano consecutivo o Camiño de Santiago. Percorreron a ruta uns 50 peregrinos, entre os que se atopaban persoas con enfermidade mental, monitores e un pequeno grupo de familiares.

O percorrido comezara o 24 de setembro en Salceda (O Pino) e os participantes seguiron o itinerario do último tramo do Camiño Francés, que abrangue máis de 28 quilómetros. Nesta última xornada, os peregrinos camiñaron dende o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro.

Con esta iniciativa, FEAFES Galicia quería amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Esta viaxe de tres días tamén serviu para que as persoas con enfermidade mental realizaran exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde.

Este é o quinto ano que o Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organiza esta iniciativa. Desta vez participaron as asociacións Doa (Cangas e Vigo), Morea (Ourense e O Barco de Valdeorras) e Porta Nova (Narón), todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participaron nesta actividade un grupo de usuarios dos cinco clubs de ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago).

Compartir: