ALCALDÍA

O Concello contratará temporalmente 20 persoas en risco de exclusión social

26/09/2014 A Xunta de Goberno Local aprobou a aceptación dunha subvención da Xunta de Galicia que permitirá contratar ata 20 persoas en risco de exclusión social. Así o indicou o alcalde, Agustín Hernández, na rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na sesión ordinaria deste venres.

Segundo indicou o alcalde, como consecuencia da solicitude presentada no pasado mes de xullo, ao Concello de Santiago foille concedida unha axuda de 203.565 euros por parte da Consellería de Traballo e Benestar, destinada á contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social, perceptoras da chamada Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). Esta liña de axudas ten por obxecto, no ámbito da colaboración coas entidades locais, o fomento do emprego a través da contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social, cunha antigüidade mínima de seis meses como perceptoras da RISGA, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitarlles a súa inserción laboral.

Mediante esa axuda -suficiente para cubrir os custos salariais totais, incluíndo a cotización á Seguridade Social- o Concello vai contratar a 20 traballadores ou traballadoras por un período de sete meses. Trátase de catro técnicos de programas, coa formación de titulado superior; dez persoas, en posesión do título de Bacharelato ou FP de 2º grao, para funcións de tramitación administrativa; e seis persoas, con estudos de Graduado Escolar ou FP de 1º grao, para funcións de apoio administrativo e conserxería.

Agustín Hernández apunto que a previsión é que as contratacións se realicen antes do vindeiro 18 de outubro. Ademais, dixo, o Concello destinará 300 euros á promoción e difusión deste programa de contratación temporal.

Promoción de hábitos saudables
Seguindo no ámbito social, a Xunta de Goberno acordou presentar unha solicitude á Delegación do Goberno para a concesión dunha axuda con cargo aos fondos de bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos, no marco do Plan Nacional sobre Drogas. Esta liña de axudas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade financia actividades e programas que promovan hábitos saudables como alternativa ao consumo de substancias tóxicas.

O Concello de Santiago presenta con este fin o programa denominado "Versión 2.0", cun orzamento total de 183.669 euros, para o que lle solicita ao Goberno do Estado o 70% do investimento (128.568 euros). O resto, 56.100 euros, achegaríao o Concello. Esta iniciativa, cuxa realización está condicionada á percepción da axuda, é unha continuación do programa de prevención iniciado en 2009 ao que se lle engaden novas actividades.

Na solicitude inclúense 14 actividades deportivas, culturais, lúdicas, formativas e informativas, a desenvolver entre os meses de febreiro e setembro de 2015. A proposta comprende a participación de 10 monitores de cultura urbana, 3 monitores de fútbol social, 3 diplomadas en Maxisterio, 1 promotor musical, 2 monitores de BMX, 2 monitores de fútbol 3x3, 1 formador de hostalería, 2 formadores laborais, 1 orientador laboral, 3 monitores de cursos de maxia, 1 formador de monitor de tempo libre, 2 monitores de conversación de idiomas e 1 psicólogo social.

O custo total estimado para o conxunto de actividades previsto é de 183.669 euros, dos que o Concello achegaría 56.100 euros, e o resto, como se dixo, a Delegación do Goberno para el Plan Nacional sobre Drogas.

Axudas sociais
O alcalde tamén deu conta da concesión de 34 axudas sociais, por un importe total de 32.039 euros. Estas achegas oscilan entre un máximo de 1.600 e un mínimo de 100 euros, en función das necesidades e dos períodos cubertos. Atenden preferentemente a gastos de manutención (65% do total de axudas concedidas), seguidas das destinadas a pagamento de alugueiros (21%). O resto repártense entre gastos excepcionais e actividades.

Erradicación da infravivenda
Finalmente, a Xunta de Goberno tomou en consideración o convenio asinado o 4 de agosto coa Deputación da Coruña para o Plan Municipal de Infravivenda, polo que o organismo provincial fai unha achega máxima de 30.000 euros. Esta axuda servirá para cofinanciar o custo das retribucións do persoal vinculado aos labores de inclusión residencial de persoas usuarias de infravivenda.

Documentos relacionados



Compartir: