PLENO

O Pleno aproba un cambio no Plan Especial do Casco Histórico que permitirá crear un albergue de Proxecto Home en Virxe da Cerca

25/09/2014 O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de setembro, aprobou por unanimidade unha modificación puntual do Plan Especial do Casco Histórico que fará posible a creación dun albergue de Proxecto Home en Virxe da Cerca. A sesión comezou cun minuto de silencio en lembranza da nena recentemente falecida no barrio de Guadalupe.

A modificación puntual do Plan Especial do Casco Histórico permitirá ampliar os usos da antiga sede do Proxecto Home, no número 6 da Virxe da Cerca, e así facer posible a creación dun albergue de aloxamento temporal por parte desta mesma institución.

O cambio determina que o uso pase de ser exclusivamente residencial universitario a ser equipamento múltiple, asistencial, socio-cultural, residencial universitario, relixioso, docente e administración institucional, incorporándose tamén como uso tolerado o de albergue.

Esta medida tamén incrementa as posibilidades de recuperación dun inmoble cun notable valor patrimonial e que na actualidade estaba desocupado.

Conta xeral 2013
A conta xeral 2013 reflicte un superávit de 5,2 millóns de euros, que permitirán acometer novos investimentos ou amortizar débeda. Foi aprobada cos votos favorables do grupo do Goberno e malia o pronunciamento negativo dos grupos socialista e nacionalista. A mesma, tal como tiña manifestado previamente o alcalde, Agustín Hernández, constata un avance na redución da débeda e a mellora da solvencia das contas do Concello. Esa diminución estase continuando en 2014. Así, en agosto deste ano, a débeda situouse nos 48,6 millóns de euros, fronte aos 64,11 millóns a 1 de xaneiro de 2011 e os 70 millóns do 1 de xullo de 2011. Deste xeito, a débeda por habitante reduciuse en 170 euros, pasando dos 676 euros de 2011 aos actuais 506 euros.

Este documento de peche do exercicio tamén reflicte datos como a redución do período medio de pago a provedores, que baixou ata os 57 días a finais de 2013, fronte os 123 días de xaneiro de 2011. Tamén melloraron os indicadores de liquidez inmediata e de solvencia.

Ocupación de bens en Vista Alegre
Tamén se deu conta á Corporación dunha declaración de ocupación de bens para a execución do proxecto de mellora da accesibilidade e mobilidade no barrio de Vista Alegre. Xunto coa remodelación e reordenación dos espazos urbanos e dos vieiros que conforman o barrio, o proxecto incorpora melloras na iluminación, que estará suspendida cunha maia de tensores de aceiro suxeita as fachadas. A solución adoptada supón unha importante mellora da calidade na iluminación, prescindindo dos farois a pé de rúa, eliminando así obstáculos.

Para suxeitar os tensores é necesario realizar esta ocupación de fachadas, aclarando os bens sobre os que se establece a servidume. En todo caso, trátase dunha ocupación moi pequena para dar servizo de calidade, como é a iluminación, a este barrio compostelán.

Ampliación de comedor escolar no CEIP Vite I
Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade o inicio do procedemento para a desafectación da antiga vivenda do conserxe no CEIP Vite I, propiedade municipal. Este trámite permitirá a ampliación do comedor dese centro educativo por parte da Consellería de Educación.

A vivenda está integrada no propio edificio do colexio, na súa planta baixa, favorecendo así o seu uso como comedor. Está comunicada directamente co resto de espazos do colexio.

Mellora da EDAR da Silvouta
Outro dos acordos adoptados pola Corporación -cos votos a favor do PP e en contra de PSdeG-PSOE e BNG- foi o das plurianualidades que achegará o Concello no marco do convenio asinado con Augas de Galicia e Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España (AcuaEs) para a execución das obras de mellora da EDAR da Silvouta.

O importe do convenio ascende a 4,7 millóns de euros, dos que o Concello de Santiago achegará 470.000 euros de fondos propios, outro tanto a Xunta de Galicia, e os 3.760.000 euros restantes o Estado con fondos FEDER. O acordo plenario ten como obxectivo axustar as plurianualidades do Concello.

ARI de Pontepedriña
A Corporación tamén aprobou por unanimidade unha moción, presentada polo grupo municipal socialista, na que se solicita ao Goberno o impulso da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Pontepedriña e a mellora da accesibilidade das vivendas. 

Cambio do día do Pleno
Finalmente, a proposta da Alcaldía aprobouse o cambio do día de celebración dos plenos ordinarios, que a partir de agora se celebrarán os últimos venres de cada mes, en troques dos xoves, como sucedía ata agora. Esta medida foi aprobada cos votos favorables do grupo popular e co voto en contra do nacionalista. O grupo socialista non votou este punto.

Compartir: