TURISMO

Turismo de Santiago amosa a cidade a un grupo de turoperadores irlandeses

25/09/2014 Turismo de Santiago amosará a cidade a un grupo de turoperadores irlandeses nunha viaxe organizada conxuntamente con Aer Lingus e a Oficina Española de Turismo en Dublín. O grupo de turoperadores estará en Santiago entre o 25 e o 27 de setembro e poderán coñecer os principais atractivos da cidade para os seus potenciais clientes como a gastronomía, a natureza ou os vínculos culturais entre Irlanda e Galicia.

O obxectivo da viaxe, na que participan sete das empresas intermediarias máis importantes do país, é continuar aumentando a presenza de Santiago no mercado irlandés, que nos últimos anos está vivindo un importante crecemento na cidade. Por exemplo, no Ano Santo 2004 houbo 563 peregrinos irlandeses, unha cifra que se multiplicou por dez ata chegar aos 5.012 que houbo o ano pasado e que situaron a Irlanda como o sexto país con maior número de peregrinos, só tras Alemaña, Italia, Portugal, EEUU e Francia.

Esta acción enmárcase no traballo conxunto que Turismo de Santiago está a desenvolver en colaboración con Aer Lingus e a Oficina Española de Turismo en Dublín co obxectivo de aumentar a presenza de turistas irlandeses na cidade e consolidar a conexión directa entre os aeroportos de Santiago e Dublín, que pasou de 12.020 pasaxeiros en 2009 a 27.805 no 2013, unha cifra que é previsible que se supere este ano.

Nos últimos anos a empresa municipal de promoción turística desenvolveu accións como o sorteo unha viaxe á cidade no ano 2012 nun dos programas de maior audiencia da televisión irlandesa, o Saturday Night Show; comezou no 2013 a participar regularmente na Holiday World Show, principal feira turística do país, onde este ano sorteou de novo unha viaxe a cidade; e organizou varios viaxes de xornalistas irlandeses a cidade.

Documentos relacionados



Compartir: