CULTURA

O ciclo Blues Nite by 1906 trae a Santiago de Compostela a Pardo, Nikki Hill, Guitar Crusher e Moreland & Arbuckle

24/09/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e o Brand Manager de 1906, Juan Paz, presentaron esta mañá o programa do ciclo Blues Nite by 1906. Este ciclo viña xa funcionando na programación cultural da cidade pero agora conta coa colaboración de 1906 polo que modifica a súa denominación. No programa para este trimestre temos ao galego Pardo esta mesma noite e despois poderemos escoitar a tres figuras internacionais de recoñecido prestixio: Nikki Hill en outubro, Guitar Crusher en novembro e Moreland & Arbuckle xa no mes de decembro.

Néstor Pardo marabilla a crítica e adeptos co lanzamento do seu primeiro disco en solitario Waintin´To The Other Side nun traballo íntimo que plasma as inquietudes musicais dun artista xa consolidado. Nel poderemos escoitar 11 cancións propias, cun estilo persoal no que mostra as súas múltiples influencias. Cancións que beben do folk, o dixieland, blues e o gipsy jazz. Pardo, que estará esta mesma noite na Capitol, defende todo o seu repertorio tan só coa súa guitarra e a súa voz, apostando pola naturalidade. Un disco íntimo, sincero, onde Néstor mostra todo o seu talento e o seu saber facer.

O mércores 29 de outubro chegará a Compostela Nikki Hill, unha nova diva do soul e do blues. Hill recorre ás influencias vintage femininas do rhytm and blues como LaVern Baker, Etta James e Ruth Brown, e a algúns dos seus cantantes favoritos como Otis Redding e Solomon Burke, pero sen encadrarse como unha artista estritamente "retro". O seu forte estilo vocal encaixa perfectamente con sensibilidades contemporáneas pero tamén evoca a todas as blues shouters de décadas anteriores o que a converte nunha nova diva do soul e do blues. As entradas teñen un prezo de 12 euros anticipada e 15 o mesmo día e poden mercarse na billeteira do Principal (aberta de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00 horas) , en salacapitol.com e na Reixa Tenda.

En novembro poderemos escoitar a Guitar Crusher, un dos últimos bluesman auténticos. Será o venres 7 a partir das 21:30 horas, na Sala Capitol, A súa potencia vocal provocou que recibira o alcume de "A Gran Voz de Nova York" e a reputación de cabeza de cartel en todo o circuíto de blues europeo. Viviu a historia do blues desde as súas orixes e gravou con lendas da música e especialmente da guitarra, como Alvin Lee (Ten Years After) ou Elmore James, ambos considerados entre os mellores guitarristas da historia. Aos seus 83 anos, rexeita sentarse un só minuto nas máis de 2 horas que abarcan os seus concertos, sorprendendo e facendo sentir vello ao público que moitas veces é até 3 xeracións máis novo ca el. As entradas a 12 euros anticipada e 15 o día do concerto poden mercarse na billeteira do Principal, en entradas.abanca.com, no 902 434 443, A Reixa Tenda e salacapitol.com

Pechamos o programa do ciclo Blues Nite by 1906 para este 2014 con Moreland & Arbuckle o xoves 4 de decembro, ás 21:30 horas, na Sala Capitol. O incrible trío de Kansas visita o noso país en 4 únicas datas presentando o seu mellor disco 7 Cities, altamente recomendado para fans de ZZ Top, George Thorogood ou Buddy Guy. "Definitivamente é o noso traballo máis forte", di o guitarrista Aaron Moreland. As entradas poden adquirirse no a billeteira do Principal, en Ticketea, Miranda, A Reixa Tenda e salacpiatol.com a un prezo de 14 euros anticipada e 17 o día do concerto.

Compartir: