ALCALDÍA

O galardoado chef Mario Sandoval explica no festival Compostela Gastronómica a revolución do ovo na súa cociña

24/09/2014 Mario Sandoval, Premio Nacional de Gastronomía 2013 e un dos cociñeiros de vangarda do panorama gastronómico actual, contou no Mercado de Abastos de Santiago a evolución do ovo na súa cociña, nunha charla dentro de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, á que asistiu o alcalde de Santiago, Agustín Hernández.

Mario Sandoval narrou a súa relación cun dos seus produtos fetiche: o ovo. O cociñeiro contou que, logo de moitos anos de traballo e en colaboración coa doctora Marta Miguel, do Consello Superior de Investigacións Científicas, desenvolveu un produto a base de ovo, a "clara hidrolizada", que pode supoñer unha revolución culinaria, xa que permitirá crear novas texturas sen a utilización de lácteos. Trátase dun prodcto que amosa as posibilidades que xorden ao combinar ciencia e cociña.

A presentación de Mario Sandoval foi a primeira dun completo día no programa de Compostela Gastronómica. Pola mañá, o Mercado de Abastos acolleu a continuación ao cociñeiro murciano Firo Vázquez que, ademais, é un dos maiores expertos en aceite de España. Firo Vázquez falou da relación do aceite cun dos produtos máis coñecidos da gastronomía galega: o polbo.

Tras o polbo, os protagonistas de Compostela Gastronómica foron outros produtos moi coñecidos da gastronomía galega: os pementos de Herbón, os Queixos de Arzúa-Ulloa, a empanada, o pan e as filloas. Foi no segundo dos showcookings de Área Santiago en Compostela Gastronómica, no que neste caso se amosaron os principais produtos dos Concellos de Padrón, Oroso e Touro.

Na xornada do mércores pola tarde intervirán dous dos novos cociñeiros galegos que, sempre respectando o produto, están modernizando a gastronomía do país: Beatriz Sotelo, que conta cunha estrela Michelin no seu restaurante A Estación de Cambre, e Héctor López, do restaurante España en Lugo. Héctor López falará sobre a renovación da tapa galega e Beatriz Sotelo sobre espontaneidade e transparencia.

Espazo Gastro
O Mercado de Abastos acollerá este xoves unha nova xornada do Espazo Gastro, na que restaurantes da cidade ofrecerán as súas tapas situados en postos nas naves do Mercado, acompañados de actuacións musicais nun xogo no que se integra produto, gastronomía e diversión e que recolle o espírito lúdico de Compostela Gastronómica. O Espazo Gastro celebrarase de 12:00 a 15:00 horas xoves, venres e sábado.

No programa da xornada inclúense dúas demostracións de cociña que amosarán novas posibilidades para a gastronomía galega: ás 16:30 h, Antonio Muíños, fundador de Porto-Muíños e provedor de Ferrán Adriá, Juan Mari Arzak, Joan Roca, Pedro Subijana, Santamaría, Quique Dacosta ou Andoni Aduriz, falará sobre a importancia que terán as algas no século XXI; e ás 19:30 h, o cociñeiro Alberto Lareo, do restaurante Manso de Santiago, falará sobre "Cociña galega á grella".

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cunha sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode atopar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Direcciones relacionadas



Compartir: