TURISMO

Área Santiago premiou as mellores imaxes do verán cun concurso a través das redes sociais

22/09/2014 O xurado do concurso fotográfico de Área Santiago reuniuse hoxe no edificio municipal Cersia para elixir as catro imaxes gañadoras de entre as 138 que se presentaron á competición. Os autores das fotografías recibirán como premio paquetes turísticos valorados en 500 euros.

O concurso estivo aberto á participación tanto dos propios habitantes dos concellos como aos visitantes. No concurso definíronse catro categorías distintas para destacar os múltiples recursos dos concellos de Área Santiago: Festas e tradicións, Patrimonio histórico e cultural, Paisaxes e natureza, e Gastronomía.

Os gañadores foron: Festas e Tradicións, premio á fotografía "A Estrada, Agrupación Tequexetéldere", presentada por Aroa Martínez Sánchez; Patrimonio Histórico e Cultural, premio á fotografía "Ponte Ledesma", presentada por José Ramón Moire Silva; Paisaxes e Natureza, premio á fotografía "Aldea na parte traseira do Pico Sacro", presentada por José A. Sanjurjo; e Gastronomía, premio á fotografía "Galo de Curral de Vila de Cruces", presentada por José Ramón Moire Silva.

O obxectivo do concurso foi dar a coñecer os atractivos dos Concellos que forman parte de Área Santiago: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. As imaxes podían estar tomadas en calquera dos 16 concellos.

Estableceuse un premio para cada categoría, valorado en 500 euros. O premio consiste nun bono agasallo para dúas persoas canxeable por unha estancia nun establecemento de Turismo Rural ubicado en Área Santiago, que inclúe dúas noites de aloxamento en réxime de media pensión, unha cea degustación, unha sesión de balneario e unha visita guiada por Área Santiago.

O concurso concibiuse tamén como unha ferramenta para promocionar Área Santiago nas redes sociais dentro da estratexia de marketing on line do grupo, polo que para participar os candidatos tiveron que subir as súas fotografías na páxina de Facebook do grupo. O concurso tamén se promocionou nas contas de Área Santiago en Twitter e Instagram.

Para incentivar a difusión viral a través das redes, as dez fotos finalistas foron as que obteñan un maior número de votos na páxina de Facebook do grupo. En total, houbo máis de 2.000 votos rexistrados na páxina. Sen embargo, o gañador de cada categoría foi escollido por un xurado composto por representantes dos concellos do grupo Área Santiago e un experto en fotografía.

Compartir: