CULTURA

Santiago de Compostela convértese un ano máis en centro de acollida musical para novos talentos de Rusia e Galicia

18/09/2014 O Festival Internacional Peregrinos Musicais alcanza a súa cuarta edición. A través de cinco concertos, os afeccionados á música poderán gozar das interpretacións dos grandes talentos galegos e rusos, que grazas a esta iniciativa poden traballar conxuntamente. A entrada aos concertos é gratuíta.

O evento foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Cultura, María Antón, quen indicou que o Festival Internacional Peregrinos Musicais converte a Santiago un ano máis en "centro de acollida musical" de novas promesas. Salientou as experiencias que este certame permite vivir aos 12 mozos e mozas escollidos nesta ocasión e expresou o "entusiasmo" da cidade por recibir a estes novos talentos.

Acompañaron á concelleira na rolda de prensa o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora artística do Festival, Ilona Timchenko, quen sen encargou de presentar un programa que arranca este domingo, 21 de setembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.

Ao día seguinte, luns 22, o Festival trasládase a Lugo para un concerto denominado Novos Virtuosos. Será ás 20:00 horas na Casa do Saber.

Como en cada edición, non faltará o concerto na Catedral de Santiago. Os peregrinos musicais estarán o mércores 24, ás 21:00 horas, no templo compostelán. E ao día seguinte, xoves 25, ás 20:30 horas, nova actuación, neste caso na Cidade da Cultura.

O evento clausurarase o venres 26 cun concerto no que os novos solistas tocarán coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Será no Auditorio de Galicia a partir das 21:00 horas.

Oportunidade formativa
O Festival Internacional Peregrinos Musicais constitúe unha oportunidade para que os músicos noveis de Galicia poidan traballar conxuntamente con músicos novos procedentes de Rusia e, ao mesmo tempo, reforzar a súa formación ao lado doutros músicos xa consolidados.

Seis músicos galegos foron os seleccionados para participar como intérpretes nos cinco concertos do Festival: Cristina Bernal Gómez (piano), Ignacio da Vila Benavides (clarinete), Nerea Rodríguez Núñez (acordeón), Noa Outumuro González (soprano), Pablo Rouco (frauta) e Roberto Manuel Bolaño Amigo (trompeta). Dende Rusia, das fundacións Rostropovich e Spivakóv, chegan seis novas promesas do virtuosismo instrumental: Anastasia Chichelova (piano), Uliana Zhivitckaia (frauta), Chingis Khannánov (violín), Davit Kcrikuli (piano), Daniel Lozakovitj (violín) e Maria Zaitseva (chelo).

Direcciones relacionadas



Compartir: