TURISMO

Segunda xornada do I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo da OMT

18/09/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou na segunda sesión do I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo da Organización Mundial de Turismo (OMT), que se celebra ata este venres 19 no Hostal dos Reis Católicos. Asistiu ao relatorio "Relixiosidade popular e peregrinación nos camiños de Kumano", de Brad Towle, director de Promoción e Desenvolvemento de Turismo Internacional da Oficina de Turismo de Kumano Kodo (Xapón), e posteriormente a un almorzo-debate sobre o Camiño de Santiago, presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A xornada do xoves arrancou cunha conferencia do deán da Catedral, Leonardo Pérez, para logo dar paso a unha sesión sobre as peregrinacións como impulso ao turismo e á hospitalidade. Carlos Vogeler, director-secretario executivo de Relacións cos Membros da OMT moderou un debate no que interviñeron José Brosel Gavilá, encargado de turismo, peregrinacións e santuarios do Consello Pontificio para a Pastoral dos Emigrantes e Itinerantes do Vaticano; José Miguel Andrade Cernadas, medievalista e vicepresidente da Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo; e Michael Kagan, director educativo de Nava Tehila Community, de Xerusalén (Israel).

A segunda sesión do día abordou o tema da relixiosidade popular, a peregrinación e o turismo espiritual. O debate foi moderado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e contou como relatores con Imtiaz Muqbil, director executivo de Travel Impact Newswire (Tailandia); Guadalupe Vargas, da Universidade Veracruzana (México); Brad Towle, director de Promoción e Desenvolvemento de Turismo Internacional da Oficina de Turismo de Kumano Kodo (Xapón); e Adel El Gendy, xerente de Relacións Internacionais e Planificación Estratéxica do Ministerio de Turismo de Exipto.

Para a tarde, tras o almorzo-debate, que incluía unha conferencia sobre o Camiño de Santiago de Carlos Espinoza, alto comisionado para a Marca España, estaba prevista unha sesión especial sobre "Franciscanismo e peregrinación". Presentáronse catro centros de peregrinación ligados á memoria de San Francisco: Xerusalén, Asís, Varallo e as rutas franciscanas de Paraguai.

Francisco Singul, xefe da Área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, modera un coloquio no que participan Claudio Ricci, alcalde da cidade de Asís e presidente da Asociación italiana dos sitios declarados Patrimonio Mundial pola UNESCO; Marcela Bacigalupo, ministra de Turismo de Paraguai; e James Gardiner, director de proxectos especiais do Mosteiro Franciscano de Terra Santa en Washington (Estados Unidos).

Compartir: