TURISMO

Máis de 500 inscritos nos talleres e encontros con chefs de Compostela Gastronómica

15/09/2014 O xoves 18 de setembro dará comezo a I edición de Compostela Gastronómica. Festival da Cociña Galega, unha iniciativa que converterá á cidade nunha festa culinaria durante dez xornadas. 14 charlas a cargo de destacados chefs do panorama gastronómico español, galego e compostelán para afeccionados á cociña e profesionais do sector, 16 obradoiros e mesas redondas para público xeral, a actividade Merco, cociño e como con…, sesións infantís de cociña, espazo gastronómico no Mercado de Abastos, ruta de menús de mercado, catas de viños e degustacións de produtos en establecementos da cidade compoñen a oferta formativa e lúdica desta primeira edición.

A inscrición en calquera destas actividades pode facerse por dúas vías: ben a través da páxina web www.compostelagastronomica.es ou ben achegándose ao punto de información habilitado no Mercado de Abastos de Santiago en horario de 10:00 a 15:00 horas.

Un dos pratos fortes do festival, concibido coma o corazón de Compostela Gastronómica, será o Espazo Gastro habilitado e ambientado especialmente para a ocasión no Mercado de Abastos, no que diversos establecementos da cidade ofrecerán tapas e racións de cociña creativa elaboradas a partir de produto fresco e de tempada adquirido no propio Mercado os días 20, 25, 26 e 27 de setembro. Concertos e sesións DJ ambientarán musicalmente o Espazo Gastro, que contará coas actuacións xa confirmadas do Odaiko Percussion Group, Lou Reyes & Los Rockin Corsarios, Los Árboles ou o DJ Javier Rial.

Mario Sandoval, Premio Nacional de Gastronomía 2013, Diego Guerrero, Francis Paniego, Firo Vázquez, Antonio González, Javier Olleros ou Luis Veira son só algúns dos prestixiosos mestres de cociña que participarán de forma activa en Compostela Gastronómica. Tanto os profesionais do sector da hostalería de Santiago coma calquera afeccionado á cociña poderán coñecer de primeira man as experiencias, trucos e consellos destes destacados chefs, que ofrecerán diversos relatorios, charlas e show cookings —sesións de cociña en vivo— con nomes tan suxestivos como "Tradición + innovación = vangarda", "A nosa cociña empeza na terra" ou "O marketing e a tapa".

Entre as propostas máis orixinais, a ofrecida polo chef coruñés cunha estrela Michelin Luis Veira, que impartirá un obradoiro práctico titulado "Como sobrevivir coa neveira baleira", dirixido especialmente aos estudantes universitarios —pero aberto a calquera interesado— co que se realizará un percorrido gastronómico polas distintas etapas dun día na vida dun estudante a través de 4 menús: "Canguro por un día", "Esas mañás de domingo...", "Cea fría con velas" e "Final feliz".

Os afeccionados á cociña creativa atoparán diversas propostas moi interesantes no programa de obradoiros. Dende unha sesión de pastelería ata un achegamento ao mundo das algas, consideradas as verduras do século XXI, pasando pola aprendizaxe de técnicas de extracción de sabor, elaboración de pan artesán, as propiedades do café aplicado á cociña, os vexetais recuperados, a cociña galega á brasa, a biodinámica ou a micoloxía molecular na coctelería. Tamén haberá sitio para os apaixonados da fotografía e das novas tecnoloxías, con dous cursos de fotografía gastronómica con cámara réflex e con dispositivos apps.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Compartir: