CULTURA

O Festival d’Gorra comeza unha nova semana de actuacións

21/08/2006 Tras unha xornada de descanso e de novo con bo tempo, o Festival d’Gorra retoma as súas actividades da man de prestixiosas compañías e artistas de circo. Entre outras, estréase Manic Freak cun espectáculo que invita a buscar o neno interior de cada un.

A xornada comeza coa actuación na Quintana, ás 17:30 horas, de DJ Capuzzi. En "Disco Delivery", este artista arxentino ofrece unha exhibición de malabares e humor nunha viaxe ao corazón da música disco.Media hora máis tarde no Toural, última oportunidade para gozar do humor dos, Assircópatas e da súa loita por salvar á humanidade de José Luís Moreno.

Ás 18:30 horas será o momento de Cigani, co seu espectáculo de música e clown "Sen papers". Un grupo de ziganos macedonios chega ilegal ao noso país, convencidos de que na rúa son absolutamente libres. A continuación, tamén última oportunidade para ver "No intre 1800", a representación de Pisando Ovos baseada na danza contemporánea.

Unha nova compañía, Manic Freak, amosará a súas habilidades no Toural a partir das 20:00 horas. "Pequeno Pallaso" é o título dun espectáculo que mestura malabares, acrobacia equilibrismo. Un percorrido do tenro ao absurdo que toca a natureza máis sensible de cada un. E para finalizar a xornada, Malabaranda na Quítana. De novo en Santiago unha compañía de referencia do Novo Circo galego. Pablo, Manu e Kote volven a reunirse para facer gozar ao público cos seus malabares e o seu humor.

Documentos relacionados



Compartir: