ALCALDÍA

Agustín Hernández recibiu unha delegación do Grupo Cidades Patrimonio

14/09/2014 O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, do que Santiago de Compostela é membro fundador, foi un dos patrocinadores desta edición da Volta Ciclista a España. Con tal motivo, unha delegación do Grupo, encabezada polo seu actual presidente e alcalde de Alcalá de Henares, Javier Bello, desprazouse a Santiago para a última etapa e foi recibida polo alcalde compostelán, Agustín Hernández.

Ademais do presidente, integraban a delegación do Grupo o vicepresidente e alcalde de Ávila, Miguel Ángel García Nieto; a concelleira de Turismo de Toledo, Ana Isabel Fernández, e o concelleiro de Patrimonio Histórico de Córdoba, Rafael Jaén. Por parte da Corporación compostelá sumáronse ao encontro as concelleiras Reyes Leis, María Antón e María José Corral. Todos eles mantiveron logo unha reunión no salón verde do Pazo de Raxoi e participaron nos actos protocolarios da última etapa da Volta.

O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España patrocinou a proba ciclista e tivo unha presenza destacada en diversos soportes publicitarios, como o Libro de Ruta, o sitio web de La Vuelta e as redes sociais e, sobre todo, nas liñas de saída e de meta, de gran visibilidade tanto para o público que presencia en vivo a proba como para os espectadores que seguen a retransmisión televisiva. Ubicáronse 30 valos de 1,80 metros cada un nas que figuraban os nomes de cada unha das 15 cidades que forman o Grupo xunto co logotipo oficial da entidade.

Ademais, o Grupo tivo presenza institucional nas metas de chegada en varias das localidades que forman parte da rede e nas que recalou a edición 2014, como Córdoba, Baeza e Santiago de Compostela. Esta colaboración con La Vuelta estenderase á edición de 2015.

Compartir: