ALCALDÍA

As Xornadas de Música Contemporánea fomentarán e difundirán un ano máis as últimas tendencias e a innovación musical

11/09/2014 Déronse a coñecer no Museo das Peregrinacións e de Santiago as Xornadas de Música Contemporánea, que se celebran na cidade durante o mes de outubro. Esta renacida iniciativa ten un ano máis o obxectivo de fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación en música contemporánea, segundo apuntou o alcalde, Agustín Hernández, no acto de presentación.

O alcalde destacou que nestas Xornadas de Música Contemporánea, na terceira edición da súa segunda etapa, "mantense a mesma liña liña de traballo e colaboración institucional con que arrincaron, froito da iniciativa, coordinación e promoción da Universidade de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Concello de Santiago". Dende 2013, a estes apoios súmanse os do Centro Nacional de Difusión Musical e do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música. Colaboran igualmente a Fundación Cidade da Cultura, o Consorcio de Santiago e o Consorcio para Promoción da Música da Coruña.

En relación ao programa desta edición, Agustín Hernández salientou a inauguración a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixida nesta cita por Jonathan Webb e Christoph König. Tamén se referiu á dirección do galego Diego García Rodríguez á fronte da Sinfónica de Galicia, que inclúe a recuperación dunha composición do brigantino Carlos López García-Picos e a primeira interpretación en Galicia dunha nova obra de Tomás Marco, inspirada no Códice Calixtino.

"En terceiro lugar, hai que significar que a Banda Municipal de Música de Santiago achega un programa dedicado a compositores dos séculos XX e XXI que escribiron obras específicas para orquestra de ventos, que inclúe unha estrea do compositor valenciano Juan Alborch", apuntou o rexedor municipal.

Estreas absolutas
A Xornadas inclúen oito estreas absolutas. Escoitaranse por primeira vez novas composicións de Antón García Abril, Oliver Rappoport, David Figols, Lula Romero, Ramón Souto e Germán Alonso. A estas hai que sumar outras estreas en Galicia e en España.

O alcalde tamén subliñou a "rica oferta de música de cámara, de moi diversas procedencias, e mostras de creación actual como a que ofrecerán os galegos da Vertixe Sonora Ensemble". Unha mención especial mereceu tamén o programa do 4 de outubro, no que "a música contemporánea se achegará á rúa nunha xornada especial chea de música que comeza e remata na praza das Praterías e na que participarán músicos e agrupacións que dende Galicia miman a difusión da música actual", dixo.

As Xornadas terán ademais unha representación de jazz, improvisación libre e creación electrónica, para rematar o programa con aires de cabaré na Sala Capitol o 1 de novembro, da man da agrupación galega Taller Atlántico Contemporáneo.

Non faltará nesta convocatoria o compoñente didáctico, para achegar os máis novos á música contemporánea e á creación actual, a través de catro variadas propostas en forma de concertos para nenos, novos e familiares.

Á vista de todas estas propostas, o alcalde manifestou a súa convicción de estar ante "un completo programa no que se ofrecerá un variado panorama da música contemporánea en Galicia, en España e en Europa; unhas Xornadas que confiamos axuden a manter o pulso musical da nosa cidade e a proxectar a vocación artística e cultural que no pasado e no presente vén caracterizando a Compostela".

O acto de presentación contou coa presenza, ademais do alcalde, de Miguel Ángel Recio, director xeral do Instituto Nacional das Artes Escénicas y la Música (INAEM); Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Antonio Moral, director do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM); María Antón, concelleira de Cultura; Dolores Álvarez, vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC; Beatriz González Loroño, directora – xerente da Fundación Cidade da Cultura; Andrés Lacasa, xerente do Consorcio para Promoción da Música da Coruña; Miguel von Hafe, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); e José Victor Carou, director –xerente do Auditorio de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: