TURISMO

O alcalde de Santiago presenta en Madrid Compostela Gastronómica cunha demostración de cociña galega

09/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, encabezará a presentación de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que terá lugar este mércores en Madrid na Escuela Entre Fogones, centro formativo da Federación de Cociñeiros e Reposteiros de España. O obxectivo é promocionar a gastronomía galega e en particular o novo evento culinario de Santiago aos xornalistas madrileños especializados en gastronomía.

A presentación contará coa presenza de catro destacados cociñeiros, que prepararán en directo unha degustación de pratos da nova cociña galega. Os cociñeiros son Alén Tarrio e Siro González, dos restaurantes composteláns Pazo de Altamira e Calderón; Pepe Solla, posiblemente o cociñeiro galego con máis proxección da actualidade; e Diego Guerrero, un dos cociñeiros máis importantes do panorama culinario español presente e que estará en Compostela Gastronómica o 22 de setembro, nun obradoiro tanto para profesionais como para afeccionados á cociña.

Os pratos que poderán degustar os xornalistas asistentes á presentacións serán: "Xurelo lañado en sal de apio con fiuncho agridoce", "Ensalada de sardiñas con mazá ácida", e "Bonito marinado, cogombro encortido, kefir e xugo de tomate aliñado". O evento será presentado polo actor galego Javier Veiga e polo cociñeiro e coordinador gastronómico do Festival, Kike Piñeiro.

A primeira edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, celebrarase do 19 ao 28 de setembro co Mercado de Abastos de Santiago como referencia. O obxectivo do evento é continuar co posicionamento de Santiago como un destino cunha ampla oferta gastronómica que vai dende as preparacións máis tradicionais ata exemplos de vangarda, pero sempre respectando o produto galego de calidade, fresco e de temporada.

O programa de Compostela Gastronómica inclúe 14 xornadas impartidas por cociñeiros para profesionais do sector e afeccionados á cociña, 16 obradoiros e mesas redondas para o público xeral, catas, cociña para nenos e nenas, unha ruta de Menús de Mercado na que 25 restaurantes ofrecerán creacións especiais a base dos produtos do Mercado de Abastos...

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa. Toda a información sobre Compostela Gastronómica pode seguirse na súa web, www.compostelagastronomica.es e a través das contas de Twitter e de Facebook.

Compartir: