ALCALDÍA

O CEIP Monte dos Postes cubrirá as súas necesidades actuais con catro novas aulas

09/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, visitaron o CEIP Monte dos Postes con motivo do inicio do curso escolar. Neste centro e cara o curso 2015-2016, o Departamento autonómico vai acometer a construción de catro novas aulas e a instalación dun elevador, cun investimento de máis de 300.000 euros.

As melloras no CEIP consistirán na creación de catro aulas novas – dúas en planta baixa e outras dúas no primeiro andar- e na instalación dun ascensor que mellore a accesibilidade ao centro. Estas actuacións completan ás xa realizadas no CEIP polo departamento educativo da Xunta, que ascenden a preto de 176.000 euros, grazas ás que se renovou a cuberta, se acondicionou a antiga vivenda do conserxe como comedor -dotando tamén de calefacción a este espazo- e se mellorou o aseo de infantil. A Consellería ten ademáis dotado a este colexio, que é plurilingüe, dun auxiliar de conversa e de 4 aulas Abalar.

A propósito do estado dos centros escolares da cidade, cómpre lembrar que o Concello investiu este verán 300.000 euros en obras de mellora e mantemento de 13 colexios de educación infantil e primaria, tres escolas rurais, seis escolas infantís, a Escola Municipal de Música e o Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela". Atendéronse aquelas actuacións mais urxentes que foron priorizadas polos propios centros, co obxectivo de garantir o normal inicio mañá do curso escolar 2014-2015.

Consciente de que a educación é unha área prioritaria, o Goberno municipal vai continuar facendo un esforzo por mellorar os nosos centros e atender ás súas necesidades de mantemento ao longo de todo o curso. Neste sentido, o vindeiro venres irá á Xunta de Goberno un contrato de mantemento ordinario de edificios de titularidade municipal, por un importe que superará os 600.000 euros, que permitirá solucionar de xeito inmediato as incidencias que poidan ir xurdindo ao longo do curso, sen ter que agardar ao verán para facer moitas desas pequenas reparacións e impedindo así o deterioro dos edificios.

Ademais, antes de que remate o ano, o Concello acometerá outras obras de maior entidade, por importe de 100.000 euros, na ludoteca de Fontiñas, na cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento e na climatización da Escola Infantil do Tambre.

Compartir: