CULTURA

O Ciclo de Lied cumpre 15 anos con tres cantantes de prestixio: Christoph Pregardien, Laurent Naouri e Dorothea Röschmann

08/09/2014 Quince anos cumpre o Ciclo de Lied de Santiago, un certame único, e segundo en antigüidade en España. O ciclo foi presentado pola concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, e polo director – xerente do Auditorio de Galicia José Víctor Carou, que falaron dunha edición tan sinalada na que se contará con tres experimentados cantantes, especialistas no xénero e de recoñecido prestixio internacional como Christoph Pregardien e, debutando en Galicia, Laurent Naouri e Dorothea Röschmann.

Estes tres distinguidos nomes súmanse ás figuras de sona no panorama de lírica internacional que converteron a este Ciclo de Lied compostelán nunha referencia ao longo dos seus tres lustros de historia: Angelika Kirchschlager, John Mark Ainsley, Camilla Tilling, Mark Padmore, Bernarda Fink, Thomas Allen, François Le Roux, Monica Groop, Sarah Walker, Robert Hall, Measha Brueggergosman, Miah Persson, James Gilchrist, Werner Güra, Sandrine Piau, Florian Boesch, Laura Claycomb, Anne Schwanewilms, Joan Rodgers, Christianne Stotijn, Christopher Maltman, etc.

O Ciclo de Lied de Santiago caracterízase pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente do escasamente difundido xénero musical do lied e a canción de cámara e, co gallo da celebración desta décimo quinta edición, dirixe a súa atención cara a un tema primordial para entender o lied: a íntima relación entre a música e a poesía, entre o compositor e os seus poetas…

Christoph Prégardien é un dos especialistas máis sensibles e recoñecidos no xénero do lied. O tenor alemán (un dos que mellor recordo deixou na súa primeira participación no ciclo hai dous anos) volverá despregar a súa veteranía e mestría nunha das páxinas máis emblemáticas do xénero: o ciclo de cancións titulado Die schöne Müllerin, no que os poemas de Wilhelm Müller serviron o fundamento literario ao pai do lied, Franz Schubert, para compoñer unha das pezas mestras do Romanticismo alemán. Os poemas de Goethe inspiraron a multitude de compositores, pero sen dúbida dous dos máis afortunados foron os senlleiros mestres Franz Schubert e Hugo Wolf.

O programa co que a magnífica soprano alemá Dorothea Roschmann debuta en Galicia inclúe, ademais das composicións de Schubert e Wolf compostas sobre textos de Goethe, cinco das cancións máis fermosas e coñecidas de Richard Strauss e da historia do lied, e a colección de sete cancións de xuventude do mestre da Segunda Escola de Viena, Alban Berg.

O especial programa co que Laurent Naouri se presenta por primeira vez no Ciclo de Lied, e en Galicia, estará dedicado integramente á canción francesa. O barítono parisiense ilustrará no seu recital a íntima relación dos compositores franceses cos máis ilustres poetas do seu país á hora de escribir as súas chansons. O máis que interesante programa amosa a inspiración que Victor Hugo supuxo para Georges Bizet ou Paul Verlaine, para Gabriel Fauré, ou a estreita comuñón estética de Charles Baudelaire e Claude Debussy, Jules Renard e Maurice Ravel ou Guillaume Apollinaire e Francis Poulenc.

Protagonista de excepción un ano máis é Roger Vignoles, codirector artístico e alma mater dun ciclo ao que está vinculado dende 2003 e ao que imprimiu a súa persoal pegada e unha marca de calidade reflexo da súa experiencia, coñecemento, sensibilidade, dedicación e excepcional agarimo cara a este Ciclo de Lied e a cidade de Santiago. Segundo as súas propias palabras, este ciclo supón para o distinguido pianista, artista e cabaleiro londiniense Roger Vignoles unha cita moi especial na súa axenda anual que o leva a actuar nos máis importantes teatros e salas de concerto do mundo.

As entradas están á venda no Teatro Principal e en entradas.abanca.com. A entrada individual ten un prezo de 8 euros, coa posibilidade de adquirir un abono para 3 concertos con desconto, por 18 euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: