XUNTA DE GOBERNO

Regulados os postos de venda ambulante de recordos e de xeados na cidade histórica

05/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno da regulación da venda ambulante autorizada na zona monumental. "Trátase de fixar a actividade comercial que se realiza na rúa e que, dende hai máis de cinco décadas se viña mantendo en precario", indicou.

A medida afecta á venda de xeados e castañas e á comercialización de artesanía e recordos. Segundo explicou Agustín Hernández, "procedeuse a normalizar e regular a situación daquelas persoas que dende hai tempo veñen desenvolvendo esta actividade, e facelo conforme ao disposto no Regulamento de Venda Ambulante do Concello aprobado o 28 de febreiro de 2013".

No caso da venda de xeados e castañas as autorizacións distribúense, conforme á natureza da actividade, entre as temporadas de primavera-verán e outono-inverno. Regularízanse seis postos: dous na Porta Faxeira, dous na praza do Toural, un no paseo do Leóns da Alameda e outro na praza de Cervantes. Todos eles están adxudicados, excepto un na praza do Toural que se atopa actualmente vacante.

En canto aos postos de venda de artesanía e recordos, a regulación afecta a un total de 13 postos, dos que seis ocupan de forma rotatoria as prazas do Obradoiro e da Quintana ao longo do ano. Outros dous rotan nese mesmo espazo entre os meses de decembro-xaneiro e maio-outubro; un está establecido anualmente na praza do Obradoiro; outro no arco do Pazo Arcebispal nos períodos decembro-xaneiro e maio-outubro; e tres máis na Avenida de Xoán XXIII: un anualmente, outro entre decembro-xaneiro e un terceiro entre marzo-outubro.

A autorización que se lles concede para estas actividades ten a duración dun ano. Rematado este período, o Concello terá a potestade de prorrogar a autorización ou de realizar unha convocatoria para unha nova adxudicación dos postos.

O alcalde anunciou a intención do Goberno municipal de abordar unha harmonización estética destes postos de venda, o cal considerou que "redundaría nun beneficio para a imaxe da cidade e para os propios titulares destes postos".

Documentos relacionados



Compartir: