TURISMO

Compostela Gastronómica abre o prazo de inscrición nas súas actividades

04/09/2014 Do 18 ao 29 de setembro, Santiago celebra o I Festival da Cociña Galega Compostela Gastronómica, un evento que incluirá un completo programa de actividades para público xeral e profesionais da hostalería. Os interesados en participar en calquera dos obradoiros —de cociña infantil, fotografía gastronómica, fabricación de pan, pastelería, café, algas ou coctelería, entre outros—, encontros con chefs, sesións de cata, degustacións de produtos ou cursos de cultura do viño poden facer a súa inscrición a través da páxina web www.compostelagastronomica.es ou ben achegándose ao punto de información habilitado no Mercado de Abastos de Santiago en horario de 12:00 a 15:00 horas.

A primeira edición de Compostela Gastronómica será presentada en Madrid o vindeiro mércores 10 de setembro por un grupo de destacados chefs, que realizarán unha demostración en directo elaborando un prato a base de produtos galegos de tempada. O acto terá lugar ás 11:00 horas na Escola Entre Fogones e será conducido polo actor Javier Veiga e polo cociñeiro Francisco Kike Piñeiro, coordinador gastronómico do evento e gañador do X Certame Nacional de Gastronomía Salvador Gallego.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Compartir: