MOBILIDADE

Comezan a aplicarse o 8 de setembro os horarios de inverno no transporte urbano

04/09/2014 TUSSA, empresa municipal de xestión do transporte urbano en Santiago, comunica que o luns 8 de setembro producirase o cambio aos horarios de inverno no transporte urbano.

Nesta nova temporada atendéronse diversas peticións das asociacións de veciños para adaptar as frecuencias ás necesidades dos cidadáns e establecéronse novas relacións de mobilidade, adaptando por tanto a rede de transporte á situación actual dos centros xeradores e atractores de viaxeiros. Os cambios máis destacados son os seguintes:

Liña 1: Cemiterio de Boisaca – Hospital Clínico
Os domingos e festivos, a primeira saída do cemiterio con dirección ao hospital pasa das 7:30 ás 7:20 horas para dar unha mellor cobertura ao centro hospitalario. Ademais, atendendo tamén ás peticións recibidas, a saída das 15:00 horas do Hospital Clínico pasa ás 15:10 horas.

Liña 5: Vite – A Rocha
Os sábados laborables en horario de mañá adáptase o servizo para asegurar a frecuencia de 20 minutos na liña.

Liña 6: San Marcos – Os Tilos
A petición dos usuarios, a saída dos Tilos das 7:10 pasa a realizarse ás 7:00 horas. Os servizos a Vilamaior aumentan a 10 expedicións en días laborables e a 3 en sábados laborables. Dáse un impulso á zona, cubrindo deste xeito de maneira efectiva tanto aos veciños como á área administrativa situada nese enclave.

Cómpre salientar a incorporación de dúas novas paradas na contorna de Bando, segundo a petición realizada pola asociación de veciños.

Liña 15: Campus Norte – avenida de Barcelona
Esta liña, os sábados laborables, contará nesta nova temporada cunha frecuencia de 60 minutos.

Liñas C5 – C6: circulares ao Polígono de Costa Vella
Mudan o percorrido no seu tramo final (Polígono de Costa Vella), dando cobertura ás novas instalacións comerciais da zona. Deste xeito, neste tramo final, pasa a ser circular, mantendo a mesma cabeceira na rúa Eslovenia. Esta reestruturación xeográfica permite atender de xeito principal as zonas de maior demanda da liña fronte aos servizos á zona superior do polígono, que contaban con escasos usuarios. Créanse dúas novas paradas, unha na rúa de Amio e outra na rúa Eslovenia.

Liña P8: rúa Valle Inclán – Villestro
Atendendo ás solicitudes presentadas, reorganízase a estrutura horaria da liña en relación ás horas de entrada e saída dos traballos. A primeira saída de Villestro muda o seu horario, pasando das 7:10 ás 7:20 horas e a saída das 14.40 pasa a realizarse ás 15:00 horas. Deste xeito adecúanse parte das frecuencias da liña.

Os horarios pódense consultar na web de TUSSA www.tussa.org. Todos os usuarios poden consultar tamén calquera dúbida no 901 120 054 ou nos perfís de TUSSA en Twitter e Facebook.

Compartir: