ALCALDÍA

Compromiso da Xunta para restaurar a torre do campanario de San Martiño Pinario

03/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reuníronse esta mañá no Pazo de Raxoi. Un dos anuncios saídos da xuntanza foi o compromiso da Xunta de iniciar antes de que remate o ano a obra de restauración da torre do campanario do mosteiro de San Martiño Pinario.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural investirá 126.665,57 euros na restauración da torre do mosteiro de San Martiño Pinario, que no inverno de 2012 a 2013 fora destruída polo impacto dun lóstrego, o que provocou o derrubo parcial da súa estrutura e danos na cubrición e pisos inferiores. A intervención respectará ao máximo a fábrica orixinal, recompoñendo volumes e recuperando no posible a maior parte do material derrubado.

O obxectivo da actuación que se vai acometer inclúe a limpeza xeral das fachadas e da balaustrada, a desalación da cantería do interior do cupulín, ao tempo que se reconstruirá o pináculo que coroa o mesmo, e se levará a cabo unha consolidación superficial da fábrica de granito e a hidrofugación da pedra.

Ademais restaurarase o rexuntado en todas as fachadas do campanario, o mesmo que a cruz e a veleta, que logo serán repostas, recomporanse os pináculos da balaustrada e reparase os sillares con perdida de masa.

A maiores substituiranse os elementos de madeira que conforman as dúas estruturas de madeira do campanario ao igual que as varandas de ferro que están situadas na planta do primeiro corpo. Para rematar, tamén se colocarán as grapas nas balaustradas.

San Martiño Pinario está constituído por unha igrexa e un mosteiro, de planta complexa, froito dunhas obras que duraron tres séculos. As dependencias principais están ao redor de catro patios. Exteriormente ten tres fachadas. O flanco norte constitúe a igrexa monacal e os seus anexos. O edificio está constituído por un corpo central alongado, pechado por dúas torres. Actualmente acolle as dependencias do Arquivo Histórico Diocesano ao tempo que é a sede do seminario maior da Arquidiócese de Santiago de Compostela.

Na reunión celebrada no Pazo de Raxoi participaron, ademais do alcalde e do conselleiro, as concelleiras de Cultura e Patrimonio, María Antón, e de Educación, María José Corral; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Compartir: