CULTURA

Máis diversión para todos os públicos no Festival d`Gorra

18/08/2006 O Festival d’Gorra agarda unha tregua do tempo para que os artistas do circo poidan seguir saíndo á rúa. Se a choiva o permite, o público poderá gozar un día máis das habilidades e simpatía dos artistas.

Comezará a xornada do sábado 19, ás 17:30 horas na Quintana, cun novo pase dos Assircópatas. "A Pachorra" é o título dunha representación na que un grupo de ex bailaríns do musical de Nacho Cano teñen a misión de salvar á humanidade de José Luís Moreno. Tomará o relevo no Toural a compañía Shampoo. Circo, humor, música, pallasadas, puntería imposible, dominio do lume e, máis difícil aínda, antipodismo (malabares cos pés).

A terceira actuación da xornada, ás 18:30 en Praterías, corresponderá a Mejunje. A compañía presenta o espectáculo "Aquí e alá tan ben". Tres personaxes perden o tren. Mentres agardan outro: malabares, acrobacia, equilibrios e parada de mans. Media hora despois estará na Quintana Pámpano, coa exhibición "O príncipe das Mareas", baseada nos malabares e na comedia xestual.

Para rematar o día, Kuboam Bulante no Toural e Ían en Praterías. Os primeiros traen un espectáculo de malabares e clown, mentres que o segundo fai un pase de escapismo e humor.

Documentos relacionados



Compartir: