DEPORTES

Santiago acollerá a fase final da I Copa Gallaecia de fútbol sub-17

17/08/2006 Os días 26 e 27 de agosto Santiago de Compostela será a referencia do fútbol base de Galicia e do Norte de Portugal coa disputa da fase final da primeira edición da Copa Gallaecia para as categorías sub-17.Esta competición, ideada pola Fundación Compostela deporte,botou a andar no pasado mes de maio coa disputa da fase previa, na que tomaron parte as seleccións das sete cidades galegas: Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense e as portuguesas de Porto, Braga, Viana, Bragança e Vila Real.

As seleccións gañadoras da fase previa foron Vigo, Pontevedra, Braga e Porto, que pelexarán en Compostela por inscribir o seu nome como primeiros campións dunha competición que aspira a converterse nun punto de referencia para o fútbol base de ámbalas dúas beiras do Miño.

Debut da selección galega de fútbol feminino

Ademais, dentro dos actos previstos con motivo da fase final da "Copa Gallaecia" está previsto o debut da selección galega de fútbol feminino, que baixo a dirección do técnico santiagués Manuel Rey Fernández "Petaca", se medirá á selección do Norte de Portugal o domingo 27 de agosto, ás 10:00 horas, no estadio de San Lázaro.

"I Congreso Gallaecia de fútbol base

Finalmente, a Fundación Compostela Deporte ten previsto aproveitar que nas datas da final estarán en Santiago técnicos e dirixentes do fútbol base de Galicia e do Norte de Portugal para desenvolver o I Congreso Copa Gallaecia de fútbol base. O evento terá lugar o sábado 26 de agosto, a partir 18:00 horas, no Hotel Hesperia Peregrino.

Compartir: