ALCALDÍA

As obras en Basquiños e Pastoriza obrigarán a cortar o subministro de auga en varias rúas durante o martes 26 de agosto

22/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, aproveitou a rolda de prensa da Xunta de Goberno para comunicar que o martes 26 de agosto, entre as 10:00 e as 22:00 horas, se procederá a realizar un corte no subministro de auga por mor das obras da rúa Basquiños. Este corte afectará a 14 rúas.

Indicou que este corte afecta a unha condución principal de auga, polo que "causará trastornos a unha zona relativamente ampla da cidade, con 14 rúas con corte de subministro e 13 con baixada de presión". De calquera xeito, quixo deixar claro que a obra se deseñou para que estes cortes duren o menor tempo posible, instalando un bypass que dará subministro ás vivendas da zona de obras durante o desenvolvemento das mesmas.

O que fai ineludible este corte de subministro é, segundo explicou Agustín Hernández, a instalación de válvulas de corte das que carece a rede na actualidade. Empregarase o menor tempo posible para baleirar as canalizacións, cortar a tubaxe e montar os distintos elementos hidráulicos.

Este martes 26 de agosto, entre as 10.00 e as 22:00 horas, sufrirán cortes de subministro as seguintes 14 rúas: Pastoriza, Basquiños, San Roque, Santa Clara, Loureiros, praciña das Penas, Hospitaliño, Atalaia, Santa Cristina, Valle-Inclán, Caramoniña, Santo Domingo, Porta da Pena e Fonte de San Miguel.

Ademais, as tarefas de manipulación das válvulas producirán baixadas de presión nas seguintes 13 rúas, próximas á obra: Pino, Teo, Touro, travesa de Teo, travesa de Pastoriza, travesa de Basquiños, Tomiño, Escultor Asorey, travesa do Escultor Asorey, Arzúa, Tras Santa Clara, costiña do Monte e praza de Ultreia.

Do mesmo xeito, é posible que, debido aos cambios no sentido de circulación nalgunha das canalizacións, se produzan episodios de turbidez elevada tanto nas rúas con baixada de presión como noutras próximas, polo que o alcalde pediu desculpas anticipadas e comprensión aos veciños e veciñas, recordando os beneficios que a renovación das redes de abastecemento e saneamento terá para esta zona da cidade, con abondosos cortes polo seu mal estado nos últimos anos.

No caso da rede de abastecemento, cunha canalización que é unha das principais vías de subministro de auga ao Casco Histórico, o principal problema deriva da súa antigüidade e da ausencia de mecanismos que soporten as conexións máis alá das soldaduras, na actualidade moi deterioradas. Así, as demolicións dos pavimentos, necesarias na obra de Basquiños, racharían a maioría destas soldaduras.

Ademais, as acometidas están realizadas en chumbo, material moi feble que sufriría durante o proceso de demolición. Estas acometidas están executadas directamente na canalización municipal, polo que, cada vez que se avaría unha, é preciso realizar un corte de subministro que afecta a moitos veciños.

Licitación da obra no ámbito Santa Clara – Basquiños
A propósito do proxecto de remodelación desta zona, incluído no programa Urbana Santiago Norte, na Xunta de Goberno aprobouse o inicio do procedemento de contratación das obras de acceso ás zonas altas da Almáciga, no ámbito Santa Clara - Basquiños. Este proxecto dá continuidade aos traballos que actualmente se están facendo na rúa Basquiños.

A intervención seguirá a liña marcada en Basquiños, recuperando para os veciños este espazo público, cun novo equilibrio entre o coche e o peón. Ampliaranse as beirarrúas e eliminaranse desniveis, e melloraranse as redes de instalacións urbanas.

O orzamento para esta obra superará os 400.000 euros e terá unha duración de 5 meses. Este investimento engádese aos preto de 400.000 da obra en marcha, polo que o volume de investimento total ascende a 800.000 euros.

Compartir: