XUNTA DE GOBERNO

Máis de 500.000 euros para a reforma do campo de fútbol situado a carón do Psiquiátrico de Conxo

22/08/2014 O Goberno local aprobou a reforma do campo de fútbol situado a carón do Psiquiátrico de Conxo. A principal intervención nesta área deportiva será a substitución do campo de terra actual por outro de herba artificial. A obra suporá un investimento de 367.000 euros, dos que 200.000 serán achegados pola Deputación Provincial e os 167.000 restantes polo Concello. Esta actuación completarase con outra complementaria por 120.000 euros.

O alcalde compostelán, Agustín Hernández, lembrou que xa no ano 2012 ano se iniciaran as xestións ante a Consellería de Sanidade para conseguir que as actuais instalacións deportivas situadas dentro da parcela do Hospital Psiquiátrico de Conxo pasaran a depender da xestión do Concello de Santiago. En novembro de 2013 asinouse o convenio polo que se cedía ao Concello por 75 anos estas instalacións, que dan servizo na actualidade a uns 450 nenos e nenas.

Recibidas estas instalacións, que ocupan unha superficie de 22.692 metros cadrados, encargouse o proxecto básico de reforma do campo de fútbol de terra de Conxo, que contempla cambiar o terreo de xogo por céspede artificial. "Vanse ampliar lixeiramente as medidas da cancha actual, farase unha nova rede de drenaxe e saneamento e construirase tamén unha beirarrúa e varandas perimetrais", explicou o alcalde.

Hai dous elementos que se respectarán dentro da reforma do campo: o arborado, especialmente as frondosas autóctonas existentes nas marxes do campo de fútbol, e no linde co xardín do Hospital Psiquiátrico. Tampouco se tocará o muro de pedra que delimita esta finca.

Proxecto complementario
"De xeito paralelo, estamos a tramitar un segundo proxecto, que tamén se atopa moi avanzado e se aprobará nos vindeiros días, que consiste na execución dunha nova rede de servizos, a mellora da rede eléctrica, a instalación de novas torres de iluminación e a renovación dos vestiarios, cun investimento de 120.000 euros a cargo do Concello", explicou finalmente Agustín Hernández.

Documentos relacionados



Compartir: