CONSORCIO

Arrancan os traballos de renovación da fachada sur do Pazo de Raxoi

17/08/2014 Este luns comezan as obras de renovación das carpinterías e limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi, sede do Concello. Os traballos, promovidos polo Consorcio de Santiago e dirixidos polos arquitectos da Oficina Técnica, realizaranse ata finais do mes de outubro da man da empresa Construcciones Abal S.A. e por un importe de 89.332’44 euros. O obxectivo é mellorar a eficiencia enerxética do edificio e garantir o confort térmico nas estancias municipais.

Procederase á limpeza desta fachada sur, repoñendo os rexuntados deteriorados. Fixaranse aqueles posibles elementos que poidan dar lugar a desprendementos á rúa e completaranse as faltas de material nos marcos de pedra. Deste xeito, evitarase tamén a entrada de auga ao interior do inmoble e o crecemento da flora.

Esta actuación está enmarcada no proceso de renovación do Pazo de Raxoi. O Consorcio de Santiago ten xa actuado no acondicionamento de estancias no interior do edificio, na restauración das reixas da fachada do Obradoiro, e ten en previsión intervir nas carpinterías e limpeza do resto das fachadas do edificio.

Redución da concentración de gas radon no interior do Pazo de Raxoi
O Consorcio é o Concello de Santiago son conscientes da importancia da redución da concentración de gas radon no interior dos edificios. Por iso estes traballos de renovación das carpinterías de madeira compatibilizaranse con outra actuación que ten previsto realizar o Concello destinada á redución da concentración de gas radón do edificio, consistente na incorporación de mecanismos que permitan dun xeito automático o aumento das renovacións do aire interior.

Continúase así co proceso de redución do gas radon no Pazo de Raxoi comezado polo Consorcio de Santiago e que conseguiu reducir a presenza deste gas nas estanzas do edificio municipal nas que se actuou.

Compartir: