CULTURA

Nova cita co circo de rúa no Festival d`Gorra

17/08/2006 A expensas do que dispoña a meteoroloxía, visitantes e veciños volverán a amorearse arredor dos artistas que participan no Festival d’Gorra. Para o venres 18 está prevista unha nova xornada de clown, malabares e diversión.

A primeira das actuacións corresponderá Mejunje, a partir das 17:30 horas na Quintana. A compañía presenta en Santiago o espectáculo "Aquí e alá tan ben". Tres personaxes perden o tren. Mentres agardan outro: malabares, acrobacia, equilibrios e parada de mans. Repetirán ás 20:00 horas no Toural.

Media hora despois, no Toural, estarán os Assircópatas. "A Pachorra" é o título dunha representación na que un grupo de ex bailaríns do musical de Nacho Cano teñen a misión de salvar á humanidade de José Luís Moreno.

Kote tomará o relevo ás 18:30 horas en Praterías, coa súa mostra de malabares e circo de rúa para tódolos públicos. E despois chega de novo á Quintana Ían. O escapismo é o protagonista do seu espectáculo, no que sempre logra escapar, sexa dunha camisa de forza, somerxido, colgado da cabeza, atrapado polo corralito ou perseguido pola súa ex muller.

Para finalizar a xornada, novo pase de Shampoo, nas Praterías ás 20:30 horas. Circo, humor, música, pallasadas, puntería imposible, dominio do lume e, máis difícil aínda, antipodismo (malabares cos pés).

Documentos relacionados



Compartir: