XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local autoriza a obra da estación de autobuses e aproba as reformas da rúa da Cañoteira e da avenida de Vilagarcía

14/08/2014 O alcalde compostelán e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, deu conta dos asuntos tratados na última sesión, entre os que figuraron tres importantes proxectos de infraestruturas, que van supoñer un investimento de 1,1 millóns de euros para mellora de dúas rúas da cidade e da estación de autobuses. Segundo indicou, na últimas seis Xuntas do novo Goberno, "as decisións adoptadas, tanto en convenios autorizados como en proxectos e obras aprobados, supoñen a mobilización de case 10 millóns de euros en actuacións para a cidade de Santiago".

A Xunta de Goberno autorizou a licenza das obras de mellora da estación de autobuses, que xa foron adxudicadas hai días pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. "O obxectivo desta actuación é o de satisfacer a esixencia dos cidadáns de ter estas instalacións en condicións óptimas, atendendo especialmente ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. Tamén se incidirá nas condicións de salubridade da estación", explicou o alcalde.

O proxecto contempla a reconstrución das ramplas de acceso peonil á estación e da rampla de acceso á cafetería. Ademais, construirase unha nova rampla para acceder aos aseos da entreplanta. Ambas levarán as súas respectivas varandas e un pavimento especial antiesvaramentos.

Substituiranse igualmente as escaleiras mecánicas de acceso dende a entreplanta ás dársenas por outras novas, eliminando os chanzos existentes na súa base e ampliando o foso da maquinaria. Outra mellora será a adaptación das escaleiras fixas que unen a planta principal coa entreplanta, así como das de acceso da entreplanta ás dársenas, coa execución de novos chanzos, pavimento podotáctil no seu arranque e substitución das varandas.

Tamén se executarán melloras nos ascensores e pintaranse varias prazas de aparcadoiro para as persoas con mobilidade reducida, incluída a colocación de sinal e a execución de vao na entrada principal. Outras accións a executar na estación centraranse na mellora das instalacións coa substitución do falso teito dos aseos da planta principal e das lámpadas das plataformas por outras de maior potencia. Todos estes traballos terán unha duración de tres meses e supoñen un investimento de 392.082 euros.

Rúa da Cañoteira
Por outra banda, o Goberno local aprobou o proxecto de mellora da rúa da Cañoteira. Este documento modifica o aprobado no mes de marzo, pois considerouse conveniente establecer un único sentido de circulación para os automóbiles. "Estamos a falar dun proxecto de seguridade viaria que suporá a construción de beirarrúas en cada unha das marxes do vieiro, así como de pasos de peóns para conectalas entre si. Tamén se procederá á colocación de tubaxe para augas pluviais e á mellora da rede de abastecemento", explicou Agustín Hernández. O orzamento destinado desta actuación é de 234.954 euros e terá un prazo de execución de catro semanas.

Avenida de Vilagarcía
Tamén se aprobou o proxecto básico e de execución para a repavimentación da avenida de Vilagarcía, entre Rosalía de Castro e Romero Donallo. Este proxecto, aprobado en decembro de 2013 e modificado en marzo de 2014 para incorporar a revisión das redes de servizos, afecta a un ámbito que presenta un estado deficiente en beirarrúas, calzada, bandas de aparcamento e arborado son deficientes.

De aí este proxecto, que mellorará todos estes aspectos e tamén permitirá a substitución da rede de abastecemento de auga potable, a mellora do alumeado público e a adaptación das redes de telecomunicacións ás normativas vixentes. O orzamento total do proxecto é de 496.733 euros e as obras durarán oito meses.

O tramo desta avenida corresponde á traza da antiga estrada a Vilagarcía, que daba servizo á estación de Cornes, desde onde partía a primeira liña férrea construída en Galicia cara o porto de Carril. Hoxe, este tramo forma xa parte do viario do Ensanche trazado a principios do século XX, aínda que edificado nos anos setenta.

Documentos relacionados



Compartir: