CULTURA

Noite Curta celebra o V aniversario Marving & Wayne na praza das Praterías

13/08/2014 Tras a exitosa xornada do pasado xoves, Noite curta, o programa de cine de verán ao aire libre programado organizado polo Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, trae á praza das Praterías unha nova cita co cinema de curtas. Será este xoves ás 22:30 horas, con entrada libre.

A distribuidora Marvin & Wayne está de aniversario. Cumpre cinco anos de vida, os mesmos que leva colaborando con Curtocircuíto. Actualmente é a distribuidora de curtas máis activa de España. Para celebralo, programaron unha ruta de proxeccións por máis de 15 cidades: Barcelona, Madrid, Avilés, León, Girona, Tenerife, Santiago de Compostela, Bogotá, México DF, Berlín, Bruxelas, Rabat, Tánxer ou Moscova, entre outras.

No programa dobre de Santiago, que terá continuidade o xoves 21, proxectaranse 10 curtas españolas, unha arxentina e tres galegas. A primeira entrega inclúe os seguintes filmes:

1. Sequence, Carles Torrens / 20 min / 2013 / España, Estados Unidos / Ficción
Que pasa se un día espertas e te das de conta de que todo o mundo soñou contigo?

1. Tryouts, Susana Casares / 14 min / 2013 / España, Estados Unidos / Ficción
Ser adolescente non é doado, especialmente para Nayla, unha rapaza estadounidense musulmá que quere entrar no equipo de animadoras do seu novo instituto.

3. Buenos Aires, Daniel Gil Suárez / 12 min / 2013 / España / Ficción
Un arxentino afincado en España debe roubar unha roda de reposto dun coche no porto marítimo.

4. Love Wars, Vicente Bonet / 4 min / 2012 / España / Ficción
No interior da Estrela da Morte, dous soldados imperiais libran a súa propia batalla.

5. O Xigante, Luís da Matta Almeida, Julio Vanzeler / 10 min / 2012 / Galiza / Animación, ficción
Un xigante leva unha rapaza no corazón, que é como unha gran fiestra desde onde a rapaza descobre e entende o mundo no que vivimos. Un día, ela terá que marchar. Coa súa maleta chea de soños e esperanzas, comezará a crear un novo mundo coa herdanza dos seus pais. Isto é medrar!

6. Inside the Box, David Martin-Porras / 14 min / 2013 / España, Estados Unidos / Ficción
Cando a fiscal do distrito chama á porta da casa dun policía en Texas, este vese forzado a facer fronte a un segredo que lle agocha á súa muller polo ben de manter a familia unida.

7. Koala, Daniel Remón / 16 min / 2012 / España / Ficción
Un psicólogo entrevista os traballadores dunha empresa a raíz dun incidente: Mercedes, unha das directivas, insultou o seu novo secretario, un mozo con síndrome de Down.

Compartir: