ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca a proxección cultural internacional que Música en Compostela lle ofrece á cidade

13/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, recibiu en Raxoi a directivos, profesores e alumnos do LVII Curso Universitario Internacional Música en Compostela, que se celebra entre o 3 e o 16 de agosto. 87 alumnos e alumnas 12 países participan nesta edición, que inclúe diversos concertos.

Agustín Hernández deu a benvida a Santiago aos participantes, lembrándolles a tradición xacobea tamén no eido da música e importancia da mesma para a fixación da cultura musical na Galicia e na España de hoxe. De aí que, indicou, "poucos lugares haberá como esta cidade de Santiago para acoller a celebración dun Curso Internacional dedicado a promocionar a música española e a proxectala aos máis distintos lugares do planeta".

Son xa 57 veráns nos que Música en Compostela, ao longo de dúas semanas ofrece "non só unha completa perspectiva da música española a través de conferencias e concertos, senón tamén una ampla visión da realidade cultural de Galicia, con escollidas visitas a centros do máximo interese", explicou o alcalde na súa intervención no salón vermello do Pazo de Raxoi. Para o Concello, dixo, é un "orgullo" contribuír a que este Curso "siga sendo un referente cultural, non só na nosa cidade senón no resto de España e internacionalmente".

Agustín Hernández expresou a súa confianza en que "moitos dos alumnos que participan este ano en Música en Compostela serán nun futuro moi próximo destacadas figuras da interpretación, seguindo os pasos doutros alumnos e eminentes profesores ligados a esta cita anual". A estes participantes desexoulles unha "proveitosa e enriquecedora" estanza en Santiago e amosouse convencido de que o Curso e Compostela lles proporcionarán "unha visión enriquecedora da cultura de Galicia, da nosa tradición musical e da hospitalidade que durante séculos veu caracterizando á nosa cidade e ao conxunto de Galicia".

Compartir: