MOBILIDADE

Normalidade na apertura ao tráfico e aos autobuses urbanos da rúa de San Pedro

11/08/2014 Na mañá deste luns 11 de agosto quedou aberta ao tráfico de vehículos lixeiros e de autobuses urbanos a rúa de San Pedro. Así, volven ao seu percorrido habitual algunhas liñas de autobús, que debido ás obras desta vía tiñan que circular polo ámbito de San Roque, Basquiños e San Caetano.

Na apertura ao tráfico da rúa de San Pedro, o concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Alejandro Sánchez Brunete, aproveitou para lembrar que na semana do 18 ao 24 de agosto comezarán as obras en Basquiños. Por iso, recomendou aos condutores evitar, no posible, a rúa Virxe da Cerca para atravesar a cidade, utilizando no seu lugar vías alternativas como Galeras ou a avenida de Lugo. En calquera caso, recordou, todos os cortes e as vías alternativas estarán sinalizadas en diferentes puntos da cidade.

O edil tamén se puxo a disposición dos veciños e veciñas de San Pedro para recibir as súas suxestións respecto a posibles axustes que puideran realizarse para mellorar a circulación, diminuír o impacto da mesma no día a día do barrio e, en definitiva, para mellorar a súa calidade de vida. En calquera caso, considerou necesario "agardar unhas semanas para ver o resultado da apertura da rúa en termos mobilidade", factor no que tamén incidirá a "adaptación visual á nova fisionomía da rúa".

As relacións de mobilidade previas ao peche da rúa de San Pedro recuperarán a súa normalidade, mantendo a mesma estrutura xeográfica e horaria. As liñas afectadas que volven á situación habitual son as seguintes:

Liña 6: San Marcos – Os Tilos
Liña 9: Casas Novas – Viso – Cidade da Cultura
Liña 13: Belvís – Xeneral Pardiñas
Liña C6: Costa Vella – Amio – Paxonal – Costa Vella
Liña C11: Circular Fontiñas
Liña P4: Praza de Galicia – Sionlla

Documentos relacionados



Compartir: