DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O servizo de rozas garante xa unha resposta máis eficaz ás necesidades de mantemento das marxes dos vieiros municipais

08/08/2014 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, anunciou a adxudicación e posta en marcha do novo servizo de limpeza de marxes e drenaxes de vieiros, de sendeiros fluviais e de parcelas de titularidade municipal. Este contrato, de carácter anual, permitirá dar unha resposta áxil e eficaz, executando os traballos en función das necesidades que se vaian producindo e dunha programación mensual. O servizo prestarase fundamentalmente nos máis de 400 quilómetros de pistas rurais asfaltadas coas que conta Santiago de Compostela.

"O obxectivo deste servizo é atender unha das demandas máis recorrentes dos cidadáns, e resolver con eficacia e rapidez un problema que centra boa parte das queixas veciñais", indicou a concelleira. Neste sentido, subliñou que o servizo está pensado fundamentalmente para as parroquias da rural e que resolverá non só unha cuestión estética, senón fundamentalmente de seguridade. "Seguridade para os coches (maior visibilidade) e para os propios peóns, pois este tipo de vieiros soen ser utilizados con frecuencia polos veciños da zona para desprazamentos curtos, e a diferenza entre ter unha cuneta chea de silveiras ou unha cuneta limpa é vital á hora de evitar riscos de atropelo".

Os veciños e veciñas poderán seguir transmitindo as súas solicitudes de limpeza de marxes de vieiros ao Concello. En función das mesmas e das necesidades detectadas polos técnicos municipais, elaborarase un programa mensual de traballos que se remitirá á empresa adxudicataria para a súa execución.

A intención do Concello –apuntou a edil- é que, "cando menos, se poidan facer dous repasos a cada vieiro anualmente". Neste programación estarán tamén moi presentes as datas das festas patronais de cada parroquia, para que os accesos, o entorno da igrexa e o campo da festa poidan estar en perfecto estado cegadas as respectivas datas.

Esta programación mensual de traballo incluirá labores nos vieiros como a limpeza e reparación de cunetas, baixantes, arquetas ou drenaxes; o segado de herba e o seu tratamento; a retirada de residuos vexetais, escombros e lixo; a limpeza de colectores, barreiras de seguridade, sinais e indicadores; o revestimento de cunetas ou a construción de baixantes. Tamén comprende a roza e mantemento dos sendeiros fluviais, basicamente o río Sarela, dos que antes se encargaba o Servizo de Medio Ambiente do Concello. No caso das parcelas municipais, a maioría dotacionais e edificables e situadas no ámbito urbano, procederase igualmente á roza e limpeza.

Pero contrato tamén inclúe actuacións urxentes como a limpeza de aterramentos e desprendementos ocasionais, a limpeza de canos, taxeas e sumidoiros, ou a retirada ocasional de árbores, entre outros. Todos estes labores serán executados pola empresa adxudicataria de forma inmediata, nun máximo de dúas horas.

Para a execución dos traballos, a empresa destinará un mínimo de seis persoas. En canto a medios materiais, disporá de vehículos, equipos de sinalización viaria e accesibilidade, 4 tractores, 1 retroescavadora, 1 motoniveladora, 1 camión grúa, 1 varredora, equipos auxiliares (cortadora, compresor pisón, xerador) e equipos de limpeza manual (rozadoras e motoserras).

Outros investimentos no rural
Teresa Gutiérrez apuntou que este contrato é complementario do de conservación e mantemento dos pavimentos dos vieiros, estimado en 300.000 euros e que se adxudicará nos vindeiros días. Lembrou tamén outras actuacións previstas para o rural, como a limpeza de pistas forestais para a prevención de risco de incendio -en colaboración coa Consellería de Medio Rural- por importe 47.370 euros, ou as obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2014), que permitirán o acondicionamento e mellora de 37 pistas de 17 parroquias do rural, cun investimento de 508.320 euros.

Compartir: