ALCALDÍA

Levántase o dispositivo de emerxencia contra os incendios

16/08/2006 Á vista das condicións meteorolóxicas e da extinción total dos incendios de Compostela, levantouse o dispositivo de emerxencia que durante doce días mobilizou a Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella e empresas municipais. O balance provisional deixa un resultado dunhas 830 hectáreas queimadas, case o 4% da superficie municipal.

"Nestes doce días ardeu máis do dobre que nos últimos cinco anos", apuntou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que lembrou que neste período se rexistrou unha media de dezaseis incendios diarios. A falta do balance definitivo, indicou que a loita contra o lume supuxo para o Concello un gasto aproximado de medio millón de euros, entre danos nos vehículos e horas extraordinarias do persoal. Este custo incrementarase probablemente coa adquisición de dous novos vehículos, que substituirán a outros xa antigos e moi castigados polo uso estes días por pistas rurais.

Sánchez Bugallo volveu a referirse á intencionalidade dos incendios e á súa proximidade a áreas poboadas e á infraestruturas de comunicación. En particular, aludiu ao obxectivo dos incendiarios de "queimar o contorno da residencia do presidente da Xunta".

Superada a vaga de incendios, o alcalde retoma as súas vacacións ata o 27 de agosto. Ata entón asumirá a alcaldía en funcións a terceira tenente de alcalde, Teresa García-Sabell.

Compartir: