XUNTA DE GOBERNO

O alcalde anuncia novos proxectos para o ámbito do Urbana Santiago Norte por importe de case 800.000 euros

06/08/2014 O alcalde compostelán deu conta dos asuntos tratados na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno, celebrada na tarde deste mércores. Unha das cuestións aprobadas foi a redistribución do orzamento do Urbana Santiago Norte, como consecuencia das baixas producidas nalgúns dos proxectos, o que permitirá poñer en marcha novas actuacións neste ámbito, por importe de 787.228 euros.

Segundo explicou Agustín Hernández, nos últimos meses, como consecuencia dos importantes avances na execución do proxecto Urbana Santiago Norte, producíronse unha serie de baixas nas adxudicacións. Estas poden ser aproveitadas para a realización de novas actuacións, sempre que se axusten ao obxectivo xeral do proxecto.

As últimas adxudicacións realizadas suman preto de 3 millóns de euros: reurbanizaicón Caramoniña, 258.419,66 euros; travesa Escultor Asorey, 157.028,16; corredor Verde Bonaval Almáciga, 143.120; Centro Cívico Romaño, 763.799; mellora da mobilidade en Vista Alegre, 1.240.384,58 euros; e zonas altas Santa Clara-Basquiños Pastoriza, 384.780 euros. As baixas xeradas por estas obras suman 787.228 €, o que vai permitir executar varias actuacións máis.

A actuación máis importante polo seu custo será a mellora da mobilidade da Rúa Quiroga Palacios, cun investimento de 661.905 euros. Realizarase unha mellora da da pavimentación tanto rodada como peonil, das redes e do alumeado da rúa. O proxecto para esta obra xa está aprobado.

Ademais, destinaranse 77.981 euros á liquidación das obras e posta en funcionamento do Catalizador Cultural de Belvís. "Trátase dunha actuación realizada en no devandito parque, que así poderá poñerse en funcionamento, posto que quedaban por realizar unha serie de obras complementarias, como a execución dunha plataforma exterior", indicou o rexedor municipal.

Finalmente, poderase completar o orzamento de licitación da nave para o Centro Xove de Creación Cultural que se vai construír na Almáciga, a carón do colexio. Súmanse 41.113,58 euros, quedando o importe de licitación en 229.722,67 euros. Cómpre lembrar que se produce un novo concurso porque a empresa que resultara adxudicataria no seu momento se declarar en quebra e renunciara ao contrato.

En total, o importe destas tres actuacións suma 787.001,55 euros.

Un 11% máis para o deporte federado
O alcalde tamén deu conta da aprobación das bases da convocatoria das subvencións para o deporte federado no exercicio 2014. O obxecto destas axudas é o de financiar, en parte, os gastos derivados da participación dos clubs nas competicións deportivas establecidas nos correspondentes calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais.

Poderán acollerse a esta liña de axudas aquelas Entidades Deportivas con sede social no Concello de Santiago e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, así como no Rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

A cantidade disposta para estas subvencións é de 200.000 euros, o que supón un incremento do 11% respecto a partida do exercicio 2013, que fora de 180.000 euros.

Erradicación da infravivenda
En materia de servizos sociais, deuse conta da xustificación e do pagamento da achega provincial ao Convenio de Erradicación do Chabolismo e a Infravivenda no Concello de Santiago, asinado coa Deputación da Coruña. "Aínda que o convenio leva este nome –indicou Agustín Hernández- podemos dicir que na nosa cidade o chabolismo está erradicado e que o obxectivo agora é a resolución do problema da infravivenda".

O custo deste programa foi de algo mais de 48.000 euros, dos que a Deputación fai unha achegou 30.000 e o Concello o resto. Esta acción permite manter a educadora social que leva a cabo as accións para conseguir o obxectivo marcado no convenio.

Neste Programa participaron un total de 53 familias ou unidades de convivencia coas que se fixo un traballo personalizado, como o de orientalas na busca de vivenda e no acceso ás axudas públicas, adquisición de habilidades básicas e sociais para a integración normalizada, integración social. O perfil de unidade convivencial máis numeroso é o de familia con fillos menores, con ata un 75% dos casos.

Nestes momentos estase a tramitar coa Deputación provincial a sinatura dun novo convenio.

Subvencións para a mellora da competitividade
A Xunta de Goberno tamén acordou a concesión de subvencións a catro empresas privadas para o financiamento de bolsas que lles permitan contratar persoal especializado como vía de mellora da competitividade. "Preténdese que esta mellora se realice a través da utilización de persoal cualificado, incrementando a capacidade das empresas para prestar servizos de forma máis eficiente", explicou o alcalde, recordando que se destina un total de 228.000 euros a estas subvencións.

Nesta primeira resolución adxudicáronse axudas a catro empresas por un importe de 11.600 euros, dos que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional financia o 80% dentro do programa Urbana Santiago Norte.

Documentos relacionados



Compartir: