CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra un concerto na Catedral de Santiago

06/08/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra este xoves un concerto na Catedral de Santiago, ás 21:30 horas. Levará a batuta o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

O concerto comezará coa obra Victoriana, do compositor e director de orquestra vasco Pablo Sorozábal (1897-1988). Escrita en 1951, estreouse 36 anos despois no Teatro Real de Madrid dirixida por Jesús Lopez Cobos. Un Sorozábal xa consagrado dende que na década dos trinta triunfara coas súas zarzuelas, a estrea estaba prevista para o 14 de decembro de 1952. Nese momento o músico desempeñaba o cargo de director titular da Orquestra Filarmónica de Madrid. Xa non quedaban entradas para o concerto cando, a véspera, anunciouse que a actuación quedaba cancelada e Sorozábal dimitiu como director da formación. A obra non se estrearía ata 1987.

De seguido a orquestra achegará ao público Canciones para Dulcinea, do compositor aragonés Antón García Abril (1933). Os músicos tocarán dúas das pezas que integran esta composición: a canción número 2, "Canción de la noche blanca", e a número 5, "Canción del encuentro". Escritas en 1985, están inspiradas no Don Quijote de Cervantes.

O concerto rematará coa Sinfonía nº 3 "Heroica", do xenial Beethoven (1770-1827). Está considerada como o inicio do Romanticismo musical, posto que racha con varios esquemas da tradicional sinfonía clásica. Inicialmente estivo dedicada a Napoleón Bonaparte, xa que o compositor admiraba os ideais da Revolución Francesa encarnados na figura de Napoleón. Pero cando este se autocoroou emperador, Beethoven decidiu borrar o nome de Bonaparte do título. No momento no que se publicou a obra, en 1806, o compositor deulle o título de Sinfonía heroica, composta para festexar a lembranza dun gran home.

Compartir: