CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa en "Música en Compostela" cun concerto dedicado á música española

04/08/2014 A Real Filharmonía de Galicia participa no LVII Curso Universitario Internacional de Música Española "Música en Compostela" cun concerto, que se celebrará este martes no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. Levará a batuta o director asociado da orquestra, o mestre Maximino Zumalave.

O concerto comezará coa obra O mencer dos soños, do compositor coruñés Xavier de Paz (1963). Nesta peza o músico galego indaga e recréase no ámbito do máxico e o onírico. Composta no ano 2000 para os actos conmemorativos da Expo de Hannover, está dedicada ao mestre Maximino Zumalave, quen ademais a dirixiu naquela ocasión.

De seguido a orquestra interpretará Rosaliana, do valenciano Joaquín Rodrigo (1901-1999), composta de catro cancións escritas sobre poemas de Rosalía Castro: "Cantart´ei, Galicia", "¿Por qué?", "Adiós ríos, adiós fontes" e "¡Vamos bebendo!". O concerto rematará coa obra do compositor gaditano Manuel de Falla (1876-1946) El corregidor y la molinera.

Coa soprano viguesa Carmen Durán
Os músicos estarán acompañados pola soprano galega Carmen Durán, considerada como unha das mellores intérpretes actuais de lied, en especial do período romántico e neorromántico alemán. Nacida en Vigo, comeza a súa formación vocal na Escola Superior de Canto de Madrid. Debuta coa ópera Cosi fan tutte de Mozart e inicia a súa actividade concertística no Teatro Real como solista xunto ao Coro Nacional de España.

Continúa os seus estudos no Teatro de La Scala de Milán, formando parte do seu elenco en producións operísticas. Nese mesmo teatro preséntase como cantante de lied xunto a Vladimir Chernov. En Treviso gaña o primeiro premio do Concurso Internacional de Canto Toti dal Monte. Prosegue o seu labor operístico como titular do Theater der Stadt Heidelberg (Alemaña). A súa intensa experiencia impúlsaa a cambiar de rexistro vocal de mezzo a soprano. Na actualidade compaxina a ópera co lied, xunto coas súas actuacións en concertos como solista.

Compartir: