ALCALDÍA

O Concello achega este ano 104.000 euros a Cáritas para o desenvolvemento dos programas de Atención Primaria e Vagalume

04/08/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o director de Cáritas, Anuncio Mouriño, asinaron esta mañá dous convenios de colaboración para o desenvolvemento de senllos programas de servizos sociais que desenvolve a citada entidade diocesana na cidade de Compostela.

Trátase do programa de Atención Primaria a persoas de todas as idades en risco de marxinación ou exclusión social, e do Programa Vagalume, destinado a mulleres que se atopan en contextos de prostitución. A institución municipal aporta ambos proxectos un total de 104.000 euros, que se canalizan a través dos convenios asinados hoxe. Estes dous acordos con Cáritas forman parte dos 29 convenios que o Concello de Santiago asina con entidades sociais da cidade, por un importe de case 400.000 euros (386.877 euros).

Agustín Hernández destacou que a dimensión do labor de Cáritas resúmese nas cifras de persoas atendidas a través de ambas iniciativas, entre 7.000 e 10.000 en toda a Diocese de Santiago. "As administracións temos a obriga de apoiar ás organizacións que ano tras ano, facilitan e canalizan a participación dos cidadáns en tarefas sociais e solidarias, colaborando e complementando de xeito eficaz os programas e proxectos das propias institucións públicas", afirmou.

Salientou que a vocación de servizo á sociedade que representa Cáritas é correspondida pola propia sociedade en forma de recoñecemento e agradecemento polo traballo desinteresado que leva a cabo esta institución a prol dos mais desfavorecidos, así como da xustiza e a igualdade social.

Atención Primaria
O programa de Atención primaria de Cáritas en Santiago é un servizo no que se atenden todo tipo de necesidades e a persoas de todas as idades e colectivos en risco de exclusión. Dende a institución se lles presta información e se lles axuda a través do asesoramento dunha traballadora social a reconducir dita situación.

Os colectivos aos que se presta maior atención neste programa son os drogodependentes, persoas sen teito, mulleres vítima de diferentes modos de violencia ou marxinación, maiores, familias, desempregados, enfermos, ou persoas con minusvalías, entre outros.

Con todos eles realízanse actuacións de seguimento de casos, tramitación de prestacións, visitas domiciliarias, orientación, asesoramento e busca de emprego.

O importe destinado en 2014 polo Concello de Santiago ao programa de Atención Primaria de Cáritas ascende a 70.000 euros, a través do convenio asinado esta mañá.

Vagalume
En canto ao programa Vagalume, o seu obxectivo é o de facer unha labor de acompañamento e atención a mulleres que se atopan en contexto de prostitución.

Neste sentido, actúase nos ámbitos persoal, familiar, social, formativo e laboral, fomentando habilidades e actitudes que faciliten o desenvolvemento persoal e adquiran suficiente capacidade e autonomía para desenvolver procesos de socialización axeitados, co fin de diminuír a vulnerabilidade e os riscos de exclusión social.

Para levar a cabo este programa, o Concello de Santiago colabora no ano 2014 cunha achega de 34.000 euros.

Compartir: