ALCALDÍA

O convenio de mellora da EDAR da Silvouta firmarase de inmediato para comezar as obras este mesmo ano

01/08/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, vén de anunciar hoxe en Madrid que o convenio a subscribir pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, o Concello de Santiago e a Sociedade Estatal Augas das Concas de España para a execución e explotación das obras de mellora da EDAR da Silvouta se firmará de inmediato, o que permitirá comezalas este ano.

Federico Ramos confirmou ao alcalde que a nova depuradora do Souto está incorporada nas previsións de financiamento dos fondos europeos 2014/2020. Hernández insistiu na necesidade de incluír esta instalación nos orzamentos do Ministerio do vindeiro ano.

Estes compromisos foron anunciados hoxe polo alcalde na reunión que mantivo co secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, entre os que figura tamén o acordo de firma dun convenio por importe de 750.000 euros coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para facer as obras complementarias do colector de Pontepedriña, que permitirá poñer en funcionamento o propio colector, así como os tanques de tormenta e os aliviadoiros repartidos pola cidade.

Con este convenio dáse o paso definitivo para realizar as melloras que permitan mellorar a calidade da vertedura da actual EDAR de Silvouta, paliando o déficit de capacidade de tratamento das instalación existentes.

Hai que lembrar que a actual EDAR ten a súa capacidade de tratamento superada en termos de capacidade hidráulica. Ademais, os equipos electromecánicos atópanse obsoletos e moitos deles nun estado de funcionamento precario. Por este motivo, e dada a urxente necesidade de mellora da calidade das augas do río Sar, implantarase unha liña de tratamento de auga e lamas con proceso biolóxico de alta carga. Deste xeito mellorarase o pretratamento. Os criterios de deseño permitirán un alto grao de reutilización deste equipos na futura EDAR do Souto.

Trátase dun investimento de 4.700.000 euros, dos que 3.760.000 serán achegados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a través dos fondos FEDER, 470.000 polo Concello de Santiago e a mesma cantidade por Augas de Galicia.

Con respecto as obras, a Sociedade Estatal será a encargada de redactar o proxecto construtivo, así como os seus posibles modificados, establecer os pregos de condicións reguladores dos contratos, licitar e adxudicalos, así como actuar nos expedientes expropiatorios dos bens e dereitos que resulten afectados pola execución dos proxectos construtivos.

Documentos relacionados



Compartir: