CULTURA

Dúas novas compañías debutan no Festival d’Gorra

16/08/2006 Se a chuvia o permite, o circo, os malabares e o clown seguirán enchendo as rúas e prazas de Compostela nunha nova xornada do Festival d’Gorra. O xoves 17 repiten varios dos artistas que actuaron en días pasados e debutan dúas novas compañías, Shampoo e Mejunje.

A xornada comeza ás 17:30 horas na Quintana, cunha nova actuación de Pámpano, co seu espectáculo "O príncipe das mareas", marcado polos malabares e a comedia xestual. Media hora despois actuará Lupo no Toural. Ao público agárdanlle risas, orixinalidade e incribles habilidades.

Xa nas Praterías, ás 18:30 horas, novo pase de Ian. O escapismo é o protagonista do seu espectáculo, non que sempre logra escapar, sexa dunha camisa de forza, somerxido, colgado da cabeza, atrapado polo corralito ou perseguido pola súa ex muller. Despois desta exhibición, turno na Quintana para a exhibición de Fredi.

As dúas últimas actuacións do día traen a dúas compañías que fan a súa primeira aparición na edición deste ano. No Toural, ás 20:00 amosará as súas habilidades Shampoo. Circo, humor, música, pallasadas, puntería imposible, dominio do lume e, máis difícil aínda, antipodismo (malabares cos pés).

Media hora máis tarde estará nas Praterías Mejunje, que trae a Santiago o espectáculo "Aquí e alá tan ben". Tres personaxes perden o tren. Mentres agardan outro: malabares, acrobacia, equilibrios e parada de mans.

Documentos relacionados



Compartir: