CULTURA

Autarquía musical e jazz apaixoado para a terceira xornada de "Feitoamán"

15/08/2006 "Feitoamán" engádese á ampla oferta musical da cidade para o mes de agosto. As rúas e prazas da cidade histórica son escenario da actuación de dez formacións ata o 3 de setembro. O evento, organizado pola Concellería de Cultura e pola Asociación Cultural de Cidade Vella, contará o mércores 16 coas actuacións dos Fabulosos Cubatas de Fockink Brothers e do Xacobe Martínez Antelo Quinteto.

Os primeiros estarán na Praza do Matadoiro ás 22:30 horas. Alí o público atoparase cunha curiosa oferta musical a cargo dos debedores da Orchestra Valdeorras. Admiradores de Los 3 sudamari, contaminados polos mismísimos Petersellers e reinventores do "kutre luxe", Os Fabulosos Cubatas forman parte da autarquía musical do século XXI. O seu obxectivo é atrapar o retrato máis desenfocado que puidera obterse do panorama musicovocal.

Os outros protagonistas do día, os integrantes do Xacobe Martínez Antelo Quinteto, amosarán as súas habilidades para o jazz. Xacobe Martínez, Pablo Castaño, Toño Otero, Marcelino Galán e Max Gómez compoñen a formación, que toca cancións orixinais do autor e garanten unha entrega apaixoada ao jazz, á improvisación, á interacción e á creación colectiva. A cita é no Calexón do Curro da Parra ás 22:30 horas.

Documentos relacionados



Compartir: