PATRIMONIO

A Volta a España, con chegada en Santiago, terá o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade entre os seus patrocinadores

28/07/2014 O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España e a Volta a España asinaron en Alcalá de Henares un convenio polo que a entidade que reúne as 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO se convirte en Patrocinador Oficial da Volta nas súas edicións de 2014 e 2015. A edición deste ano rematará en Santiago de Compostela o 14 de setembro cunha etapa contra o reloxo polas rúas da cidade.

En virtude deste convenio, as cidades que forman o Grupo terán unha presenza destacada en diversos soportes publicitarios da Volta, como o Libro de Ruta oficial da Volta, o seu sitio web e redes sociais e, sobre todo, as liñas de saída e liñas de meta de cada unha das 21 etapas das que consta a edición 2014. Nestes traxectos de arco de saída e liñas de meta, de gran visibilidade tanto para o público que presencia en vivo a proba coma para os espectadores que seguen a retransmisión televisiva, situaranse 30 valos de 1.80 metros cada un nos que figurarán os nomes de cada unha das 15 cidades que forman o Grupo xunto co logotipo oficial da entidade.

Ademais, o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade terá presenza institucional nas metas de chegada en varias das localidades que forman parte da rede e polas que recalará a edición 2014 da Volta, como Córdoba (26 de agosto) e, loxicamente, Santiago de Compostela (14 de setembro).

Esta acción promocional do Grupo inscríbese dentro do Plan Operativo de Turismo 2014 como parte das actividades de difusión entre o público final nacional e internacional dos 15 destinos patrimoniais da rede, dado o prestixio e a gran repercusión mediática da Volta tanto en España coma noutros países, co que se considera oportuno a vinculación da marca Cidades Patrimonio coa proba ciclista, unha das máis importantes do mundo. Este grande evento move ao redor de 3.500 persoas (organización, montaxe, azafatas, patrocinadores, prensa, etc), chega a 178 países en dous formatos: emisión en directo e resumos, é cuberto por 800 xornalistas, e retransmítese en 33 cadeas de TV de todo o mundo.

Polo tanto, este patrocinio reforzará as accións promocionais do Grupo tanto no mercado nacional, un importante mercado emisor para as 15 cidades, coma no internacional europeo.

Por parte do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España firmaron o acordo o seu presidente e alcalde de Alcalá de Henares, Javier Bello, e por la Volta fíxoo o seu director xeral, Javier Guillén.

Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de xeito conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural das 15 cidades que a integran, así como na súa promoción turística nacional e internacional.

Forman o Grupo as cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda, todas elas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio Mundial.

Compartir: