CULTURA

Os malabares e o escapismo protagonizan un novo día no Festival d’Gorra

15/08/2006 Unha nova xornada do Festival d’Gorra trae ás rúas e prazas de Compostela máis malabares, escapismo e clown. Abrirá a xornada, ás 17.30 horas na Quintana, Kote, un dos referentes galegos no mundo dos malabares e do espectáculo de rúa.

O divertimento continúa da man de Pámpano, ás 18:00 horas, no Toural. O artista trae o seu espectáculo "O príncipe das Mareas", con malabares e comedia xestual. Tomaralle o relevo Fredi en Praterías e, á continuación, turno na Quintana para Kuboam Bulante, que presenta "Un home perdido", un espectáculo de clown e malabares no que, a través do xogo, da emoción e da risa, da intimidade cos demais, el é, en definitiva, espello dos outros.

O escapismo é o protagonista do espectáculo de Ían, ás 20:00 horas no Toural. Camisa de forza, esposado, somerxido, colgado da cabeza, atrapado polo corralito, perseguido pola súa ex muller, acosado por Facenda, el sempre logra escapar. Pecha o día, ás 20:30 horas en Praterías, Trasno, que ofrece malabares, acrobacia, humor música e participación.

Ademais, continúan as actividades especiais, coma o "Espazo happening", na Porta Faxeira e na Rúa do Franco. Cigani&Cía encárganse desta exhibición. E mentres dure o Festival, está na Praza da Quintana un espazo plástico, "A paleta desnuda", a cargo da pintora María Meijide.

Documentos relacionados



Compartir: